
Resulta curioso comprobar como duns medios de comunicación descrocados polo medo ás sancións e mesmo ao seu peche por decreto gobernativo, en tempos da ditadura franquista, estamos a pasar, con presa e sen pausa, a un tempo no que todo vale e conceptuamos como “prensa” polo simple feito de ser materia publicada.
Moita, desgraciadamente, desa “prensa” non é outra cousa que un servizo prestado a un ente superior ao que, quen escribe, quen di por medio dun xornal, unha radio, unha televisión,, etc., é quen de achegar ás teses que barallan empresas, partidos políticos -estes especialmente- a persoas que se ven engaioladas por aquel -medio de comunicación ou xornalista- no que fía todo canto o seu entendemento, a súa formación, lle permitan. E case nunca senten que os defraudan, que lles menten, que lles amañan a realidade ata extremos insospeitados para debuxar un panorama de tal irrealidade que en moi contadas ocasións se achegan, nen por casualidade, ao realmente acontecido.
Son poucos os medios que dan resposta fiable ás esixencias dun público que demanda verdade, certidume, compromiso coa realidade dos feitos e non coa dos vínculos políticos, económicos ou afectivos que pagan un salario a fin de mes para que se diga o que interesa a quen está por riba ou mantén economicamente a ese medio.
Traballei varios anos en medios de comunicación cuxo titular era o goberno do xeneral Franco e podo e debo dicir que cando reclamo verdade, certidume e compromiso coa realidade, sei do que falo por antes ter sido dos que facían en boa medida todo o contrario do que estou a demandar. Pero é que, daquela, se querías ser un xornalista e traballar coma tal tiñas que “entrar polo aro” porque, de non ser así, non poderías formar parte do plantel dun medio de comunicación español. E aínda así, souben en tres ocasións distintas o que era ser denunciado diante da autoridade. Pero Franco finou, vai para 50 anos, na cama dun hospital madrileño e España vive en democracia e liberdade dende vai case outros tantos anos. Demasiados decenios para renunciar ao que comezamos a saborear dende 1976 e, máis e mellor, dende 1978, xa coa Constitución na man.
Comprendo que quen traballa para un medio que se recoñece como órgano de tal ou cal formación política, defenda as teses desta; mais nunca comprenderei que cando tés a obriga de informar do realmente acontecido tentes saber cantos euros tés no peto para saber se podes ou non relatar a verdade que non silenciará ou modificará o editor de turno.
Non podemos permitir nen alentar a que, no horizonte, outro Franco descroquine uns medios de comunicación que con tanto esforzo limpamos, moitos con desterro e mesmo anos de cárcere.



