O aparcadoiro do Centenario de Ribeira renova o sistema de xestión e a maquinaria

11 Decembro 2024

O Concello de Ribeira deu un novo paso adiante na renovación integral do aparcadoiro do Centenario co obxectivo de “achegar o mellor servizo posíbel” á veciñanza. Segundo informou o Executivo local, a partir deste 11 de decembro xa opera o novo sistema de ticketing que substitúe a anterior maquinaria que “se atopaba totalmente obsoleta e cun mantemento moi custoso”.

A actuación realizada consistiu na renovación das máquinas de tíckets e un novo sistema de xestión do mesmo, tamén apoiado cun sistema de pagamento mediante introdución de matrícula, sistema QR así como novas barreiras, conseguíndose “unha optimización completa e integral da xestión do servizo”.

O equipo do Concello explicou que o sistema de pagamento mediante código QR “vai permitir aplicar, dunha maneira áxil e sinxela, os descontos que haberá para quen merque no comercio local, onde cada bono descontará a cantidade de trinta céntimos”. A unidade de monitoraxe central xestionada polo Concello disporá do control total do sistema, dende poder executar todas as funcionalidades ou controlar a ocupación en tempo real entre outros.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, e a concelleira de Facenda, Herminia Pouso, mostraron a súa satisfacción por avanzar nesta cuestión “prioritaria” e que pretende “facilitar o aparcadoiro céntrico para persoas que veñan a traballar, a comprar ou que necesitan facer un recado e teñen a necesidade de deixar o seu automóbil nun espazo céntrico e a bo prezo”.

Acceso equitativo

Fontes municipais informaron ademais que, coa posta en marcha do novo sistema informático, deron de baixa os permisos de estacionamento gratuíto que tiñan xuíces, fiscais, policías e políticos. Esta medida, explicaron Pérez e Pouso, responde á “necesidade de garantir un uso igualitario aos recursos municipais, aliñándose coas políticas de xestión responsábel, transparente dos bens e recursos públicos”. Desde o Concello subliñouse que “esta acción non implica unha retirada das prazas de estacionamento, senón que se lles facilitará o uso dunha praza mediante o sistema regular de abonos que estará dispoñíbel para toda a veciñanza que desexe beneficiarse do servizo”.

Os únicos vehículos que estacionarán gratis serán os rotulados propiedade do Concello de Ribeira.

Dende o Goberno local consideran que “é unha medida xusta que fomenta a igualdade entre a cidadanía xa que todos os usuarios e usuarias, con independencia do seu cargo, pagarán como calquera veciño ou veciña”. Engadiron que “o noso obxectivo é garantir a seguridade e a comodidade pero sen distinción, á vez que optimizamos a boa xestión dos espazos públicos”.

Tarifas reducidas

O rexedor e a concelleira tamén lembrar que os esforzos do Goberno local fixeron posíbel que “o estacionamento do Centenario sexa o máis económico de toda A Barbanza e un dos máis baratos de Galicia”. Ten un custo de 1,50 euros por dúas horas, incrementándose en 0,02 euros o minuto a partir da terceira. O prezo máximo por unha xornada completa será de 20 euros, e os abonos variarán entre os 60 euros mensuais e os 25 euros por estacionar os sábados e domingos.

Os abonos mensuais de 24 horas son de 60 euros habendo unha bonificación de 10 euros mensuais se se paga o recibo de forma anual, os bonos de 12 horas ten un custo de 35 euros/mes, bonos de luns a venres con estancia as 24 horas de 43 euros/mes e de sábados e domingos por 25 euros.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.