Malia que as concentracións veciñais no Centro de Saúde de Aguiño celébranse os venres de cada mes, o colectivo convocante destas mobilizacións (que reclaman á Xunta mellor cobertura sanitaria para o Centro) decidiu esta semana adiantar as protestas para este xoves 5, para que non coincidiran en festivo. Hoxe xuntáronse máis de 120 persoas a carón do ambulatorio, cada unha delas equipada cunha copia da canción que reproducimos máis abaixo e que serve de declaración de intencións, en eficaz clave de retranca, sobre as peticións da cidadanía de Aguiño en materia de saúde.

Na cita Pili Millet, veciña de Aguiño, leu un comunicado no que denunciou a precaria situación que vive a poboación da vila e da súa contorna en materia de atención médica; e un enfermeiro do centro fixo unha valoración da situación actual do centro, sinalando que “séguese sen cubrir a xubilación dun médico e a baixa de larga duración da outra doutora”. En consecuencia, comentou, a veciñanza de Aguiño está atendida por unha doutora do Centro de Saúde de Ribeira. “Esta doutora”, comentaron, “terá dereito no Nadal a algúns días de vacacións e, polo tanto, Aguiño e parte de Carreira estarán sen médico algún durante a vindeira tempada festiva”.

As veciñas e veciños acordaron seguir levando a cabo xuntanzas e mobilizacións e tomando medidas “máis fortes” ata que a Xunta mande os dous médicos que lle corresponden á poboación de Aguiño e Carreira. De momento anunciaron que van recoller sinaturas para enviar á Consellería de Sanidade e ao presidente Rueda.
Manifesto da veciñanza
“Nos últimos anos estamos a ver o deterioro da Atención Primaria no Centro de Saúde de Aguiño e estamos chegando ao fondo.
Perdemos o pediatra, un auxiliar de enfermería, estivemos durante unha semana sen ningún médico e neste momento estamos cunha soa doutora, das dúas que tiñamos, cedida do centro de Ribeira e que en calquera momento podemos quedar sen ela.
A saúde é un dereito e nolo queren sacar.

A saúde é un dereito constitucional, conquistado polos nosos maiores que conseguiron unha sanidade pública, universal e gratuíta, admirada noutros países, incluído EEUU co presidente Obama.
Estamos vendo que dende a Xunta están desfacendo esta conquista e potenciando a Sanidade Privada.
A falta de interese político pola Sanidade Pública vese pola eliminación de médicos de atención primaria, pola masificación de pacientes que ten que atender cada médico, polas listas de espera para intervencións cirúrxicas, para as consultas dos especialistas, para as probas diagnósticas , para atención psicolóxica …
Todo isto para beneficiar os seus amigos da Sanidade Privada
Non podemos permitir que a Sanidade Pública se converta nun negocio no que uns poucos se beneficien a costa da saúde de todo@s.
Se permitimos que pechen o centro de Aguiño xa non teremos volta atrás e todos e todas perderemos.
Temos que seguir unid@s, animar a máis xente e non parar ata que recuperemos as dúas doutoras ou doutores que nos corresponden.
Aguiño quere médicos.
A saúde é un dereito.
Rueda escoita, Aguiño está en loita.
Aguiño unido non será vencido”.
Canción reivindicativa
Non ten médicos Aguiño (2)
protestaban @s veciñ@s
Mentras todos os da Xunta (2)
insultaban aos veciños
Na parroquia de Aguiño (2)
estamos moi cabread@s
Pechan postos e consultas (2)
ia Xunta segue a ignorala.
Os venres nos concentramos (2)
e ninguén responde nada
A saúde é un dereito (2)
e queremos conservala
Na Xunta non nos escoitan (2)
e nada nos solucionan
Teremos que ir ao albeites (2)
pa quitar as nosas dores
Imos ter que ir dicirlles (2)
coa saúde non se xoga
Médic@s hain@s de sobra (2)
pero teñen que irse fóra
A saúde é un dereito (2)
e nolo queren sacare
Danlle cartos á privada (2)
a nós déixannos sen nada.
Tod@s xunt@s berraremos (2)
pa que a Xunta nos escoite
Rueda nós non pararemos (2)
loitaremos día e noite



