“Un acordeón para acompañar a soidade na bodega da vida”. Antón Luaces

01 Decembro 2024

A música foi sempre compañeira imprescindible. Nunca reneguéi dela: para escoitala, para interpretala, para a bailar, para a sentir dende dentro ecoando nos andares soñados, para a compoñer ao meu antollo deixándome levar polo son da brisa no souto de Viriño ao camiñar diante do carro de vacas cara á Pena Redonda; ao cruzar o río do Castelo a paso de boi; ao contemplar a lúa reflectida no mar oceánico deixando pola popa Gran Canaria e escoitar a catro mariñeiros que, sentados na bodega do Río Francolí (un buque mixto, de carga e pasaxe) entoaban con boas voces, un acordeón e dúas guitarras, “Adeus para sempre, adeus”. Cando nas verbenas da noite a Orquestra Poceiro tocaba o vals de despedida facendo soar os violíns ou Os Satélites acometían con xeito e forza “Agárrate, saxo”, ou cando -xa na radio- Carlos Cortón, Lisuca Fernández ou Ananda Español tocaban no piano do auditorio (reservado para o mestre Eduardo Diehl) calquera obra maxistral que obrigaba a cavilar sobre a importancia daquela marabilla de programa de radio que foi “Sillería de coro” e guionizaba Pepín Couceiro Tovar coa locución da propia Ananda Español e o mellor locutor ata o de agora rexistrado nas emisoras de radio galegas, Pablo Campos, e a montaxe de Santiago Vilariño e Xerardo Fraga Blanco. 

O único instrumento musical que cheguéi a dominar -e nunca para me achegar á mestría do meu paisano Xico de Cariño-, foi a harmónica. Pero os afáns ían  cara o saxo e, sobor de todo, o acordeón. 

De cativo, meus pais regaláronme un xestes. Era de xoguete e, malia todo, emitía sons semellantes á música no seu corpo de cartón, madeira e teclas de lata que eu, na miña inocencia, coidaba era algo inconmensurable. 

Viviamos en  Las Palmas e, como daquela a maior parte das casas canarias, a nosa tiña azotea. Nesta quedou unha noite que anunciaban de sereo e foi de choiva, o meu adorado acordeón. A auga abundante desa noite fixo que o “instrumento” se despezara totalmente e os seus restos estaban coma quen toma o sol a carón dun  lavadoiro no que miña nai lavaba roupa con añil.

Dende ese momento -tería eu 7 ou 8 anos- cada vez que escoitaba un acordeón enchíanseme os ollos de bágoas e lembraba o meu, esfolado na azotea, a panza de  cartón ao sol inclemente e sen emitir nen un chío.

Esta tarde do domingo escoitei un disco da colección Guimbarda -que conservo con  devoción- e os sons dun acordeón trouxéronme á memória aquel tempo que agora relembro e que teño para min coma o día dunha grandísima, incalculable perda que se foi polo desaugue dunha azotea canaria con dor de tráxico tango e aires de vals.

Cada quen ten o seu moi especial sentimento, que hoxe confeso entre o fume dun cafetín porteño, de  cando, vai anos, estivera vendo como se bailaba a ritmo de bandoneón o tango, no Pequeno Almacén .


Outros artigos

“En democracia no hay ideas prohibidas”. José Castro López

La escritora británica Evelyn Beatrice Hall publicó en 1906 el libro “The Friends ofVoltaire” en el que relata como entendía la tolerancia el filósofo francés y dejó para lahistoria la frase “No estoy de acuerdo con lo que dices, pero defenderé con mi vida tuderecho a...

+

“Abusos e indefensión” – José Manuel Pena

Cando existe unha emerxencia habitacional, todas as Administracións Públicas teñen que poñerse as pilas para garantir o Dereito á Vivenda, recoñecido na Constitución española así como en moito Tratados e Organismos Internacionais. Algúns nos preguntamos, actualmente,...

+

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.