Impresionante, unha fermosura, un conxunto con máis de mil instrumentos de música que
veñen de atrás e que manteñen o seu valor incalculable. A memoria da música de Galicia
gardarase nunha casa anovada para este fin en A Seara, no concello de Quiroga, entrando e
subindo pola serra do Courel. Xavier Blanco, un intelectual, un músico, un sabio defensor da
música que “nace de copiar os sons da natureza”, e a súa compañeira e dona, Martina
Ferradás, puxeron en marcha a Fundación Legar para, “despois de falar tres minutos” con
representantes de varias institucións, crear e desenvolver o centro de música de raíz.
O día da inauguración foi un día de festa en A Seara. Estaban dispostos a escoitar e
escoitaron alcaldes e alcaldesas dos municipios da redonda, xentes que se achegaron de
distintos lugares de Galicia, parentes de Martina e amigos de Xavier, xornalistas e
retratistas, veciños orgullosos de saber que coa súa peneira ou coa fouciña faise música de
verdade. Orgulloso estaba tamén Xosé Manuel Merelles, o director de Turismo de Galicia e
un dos valedores deste proxecto, que ensina, anima e reforza a cultura popular de Galicia.
Todos os que defenden a música, a arte, a poesía e o amor á terra, comparten o falar da Tía
Manuela, cando afirma que a montaña concentra coñecemento e sabedoría, fala e aloumiña
aos homes de palabra, desprende fiabilidade, seriedade e contundencia. A montaña crea e
dálle personalidade á súa xente, á súa propia paisaxe, ao medio ambiente, ao ruxir do vento,
aos oficios, á música, á poesía e aos silencios.
Este centro dedicado á “música de raíz”, segundo os seus promotores, Martina e Xavier,
está dedicado á memoria e recolle instrumentos musicas das distintas zonas da Galicia, da
mariñeira e das terras do interior, da Galicia despoboada e de todo ela, abandonada. O
centro da Seara conta con tres salas fermosas e didácticas, unha está dedicada aos
instrumentos primeiros da música rural tradicional; noutra concéntranse aqueles aparellos
que fan música das tradicións e nas festividades galegas. A terceira sala está dedicada aos
ritmos e danzas tradicionais.
Parabéns para Xavier Blanco (e para Martina), que durante corenta anos estudou,
respectou, recuperou e gardou aqueles apeiros cos que os nosos pasados poñían música e
ledicia ao traballo. Apeiros do rural para chamar ao gando, para acender o lume ou soprarlle
a lareira ou a fragua; apeiros para labrar a terra, segar e xuntar a herba, para apañar as
castañas e matar os porcos, facer os chourizos e fritilos, ao son da natureza, na tixola
musical de ferro fundido.
“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz
“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...



