A Asociación de Empresarios de Ribeira presentou este luns 25 de novembro na súa sede a campaña local do Black Friday, que se celebra esta fin de semana (venres e sábado 29 e 30 de novembro) e que repartirá 1.000 euros en premios (vales de compra para ser investidos en Ribeira).

O obxectivo da iniciativa, que conta coa colaboración do Concello e da Xunta, será reivindicar o comercio de proximidade nunha data (a do último venres de novembro) que cobra cada vez máis relevancia entre os consumidores e na que é máis importante ca nunca recordar a importancia de mercar en clave local e apoiar ás nosas empresas e negocios.
Temos máis información na web da patronal de Ribeira.
Na presentación participaron o presidente da asociación, Francisco Martínez Gude, o alcalde Luís Pérez Barral e os concelleiros Vicente Mariño e Veva Betanzos. Segundo fixeron saber, a clave da campaña é un sorteo que irá dirixido a tódolos clientes que merquen e consumen nos establecementos asociados da patronal. As persoas participantes deben ser maiores de idade, sendo a súa participación gratuíta e sen contraprestación algunha. O obxectivo fundamental da campaña é incrementar as vendas e incentivar o consumo no pequeno comercio retallista de Ribeira.
A promoción realizarase entre as compras e consumicións feitas os días 29 e 30 de novembro de 2024. A forma de participar será mercando e consumindo en calquera establecemento socio. O sorteo realizarase o luns 2 de decembro ás 12:00h no local da Asociación de Empresarios.
Sortearanse 1.000€ en vales de compra, que se repartirán do seguinte xeito:
-Os tíckets de compra do día 29 rexistrados, participarán nun sorteo de 500€ que serán distribuídos en 10 vales de 50€.
-Os tíckets de compra do día 30 rexistrados, participarán nun sorteo de 500€ que serán distribuídos en 10 vales de 50€.




