O pasado sábado 16 de novembro deu comezo o Proxecto Sancosmeiro no Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira (Estaleiro de Ciprián), en Broña, no termo municipal de Outes. Trátase dun obradoiro formativo e de emprego que se vai desenvolver ao longo de dous anos e medio. O obxectivo é que as persoas participantes obteñan formación en carpintaría de ribeira. Trátase dunha iniciativa do Concello que pon en valor un oficio tradicional en risco de esmorecer (a construción de barcos nas carpintarías de ribeira) ao tempo que se ofrecen novas oportunidades de capacitación laboral.

En concreto, o proxecto ten os seguintes obxectivos, segundo nos confirmou Anxo Núñez, concelleiro de Cultura de Outes: preservar o patrimonio inmaterial relativo ao traballo da carpintaría de ribeira, recuperar unha embarcación tradicional outense Sancosmeira, difundir e preservar o coñecemento a través de documentación audiovisual do proceso e avanzar na musealización viva do estaleiro ao longo do desenvolvemento do proxecto.

Esta actividade está financiada a través do GALP con fondos europeos FEMPA da Xunta de Galicia e está organizada polo Concello de Outes en colaboración coa Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes. Na primeira xornada e inauguración da formación participaron o tenente alcalde e concelleiro de cultura, Anxo Núñez, e o presidente de Terra de Outes, Xesús Mato.




