Rianxo celebra un encontro co experto en comunicación Javier Cebreiros e unha homenaxe a dúas empresas locais

13 Novembro 2024

A Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) organiza o vindeiro 22 de novembro, a partires das 19:45 horas, un encontro empresarial que reunirá a profesionais, persoas traballadoras autónomas e empresarios/as de Rianxo e arredores. Este evento gratuíto, que se celebrará no Centro Sociocultural de A Capela en Araño, está “pensado como un espazo de reflexión e intercambio sobre a importancia da comunicación, a colaboración e o liderado no ámbito empresarial”, informou a ARE.

Javier Cebreiros, experto en comunicación e conferenciante internacional, será o principal relator do evento. Cebreiros, doutor en comunicación e fundador do movemento social Ensaia, leva anos compartindo a súa experiencia en organizacións e escolas de todo o mundo, sempre desde a súa perspectiva única sobre a importancia de comunicar con autenticidade e xestionar as emocións de forma eficaz. Ademais de colaborar en medios como TVE2 e de acumular máis dun millón de visualizacións nas súas conferencias en Youtube, Javier é o creador do espazo La Cafetería, un proxecto de entrevistas que explora temas de comunicación, relacións humanas e desenvolvemento persoal.

“A súa charla en Rianxo será sen dúbida un dos momentos máis destacados do encontro, cun enfoque centrado en achegar a súa visión sobre como comunicar e liderar desde a autenticidade e a conexión emocional”, engadiu a ARE.

O acto incluirá tamén unha homenaxe especial a dúas empresas locais, a Boutique Pasarela e o Centro Veterinario Rianxo. Estas dúas empresas foron elixidas pola ARE en representación de todas as pequenas firmasde Rianxo que, día a día, contribúen ao crecemento e ao benestar da comunidade. Con esta homenaxe, a ARE quere “recoñecer o esforzo, a resiliencia e o compromiso que caracterizan o tecido empresarial rianxeiro, un conxunto de empresas que, aínda en contextos difíciles, logran destacar e ofrecer servizos de calidade á nosa veciñanza”.

O evento finalizará cunha degustación de pinchos e viños para todos os asistentes, creando un espazo de convivencia e networking onde empresarios/as e profesionais da zona poderán intercambiar experiencias, fortalecer lazos e compartir novas ideas para o desenvolvemento dos seus proxectos.

“Dende a Asociación Rianxeira de Empresarios queremos convidar a todas as persoas traballadoras autónomas, empresarios e empresarias de Rianxo a participar neste encontro, que se presenta como unha oportunidade única para aprender, compartir e avanzar conxuntamente”, engadiu a patronal rianxeira, que agradece a colaboración do Concello de Rianxo e a subvención da Deputación da Coruña, grazas ao cal este evento procura reforzar o espírito colaborativo no ámbito empresarial e fomentar o crecemento das empresas locais.

A asistencia é gratuíta, pero con aforo limitado, polo que se require inscrición previa para poder acceder ao evento.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse, hasta o 20 de novembro, por teléfono (628 486 075) ou correo (info@are.gal).

Outros artigos

Padrón estrea o Outono Cultural 2026

O Concello de Padrón presenta unha nova edición do Outono Cultural, que entre o 7 de novembro e o 12 de decembro ofrecerá unha ampla programación de teatro, música e humor para todos os públicos. A primeira cita terá un carácter especial, coa entrega do XXV Premio de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Realidade e legalidade” – José Manuel Pena

“Realidade e legalidade” – José Manuel Pena

Sen dúbida unha cousa é a realidade e outra moi diferente a legalidade vixente. Desde algúns colectivos sociais e plataformas cidadás atópanse, con demasiada frecuencia, co muro do despropósito de moito gobernantes. Case sempre apelan á “legalidade” para non deixar de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.