
Esta semana prosegue o Outono Teatral de Outes da man de Talía Teatro, que trae ao auditorio da Casa da Cultura da Serra a obra de Henrik Ibsen Unha inimiga do pobo. Será ás 20.00 horas deste sábado 9 de novembro. As entradas pódense adquirir a través da web Bandoticket. Tamén se poden reservar entradas para esta obra ou conseguir bonos teatro de xeito presencial na Casa da Cultura.
Sinopse
Helena é unha doutora de prestixio internacional que regresa á vila natal para comezar unha nova etapa. Embarazada de sete meses, afronta o seu novo estado coa ilusión posta nun novo proxecto profesional: o balneario que ela mesma deseñou, e que se presenta como un alternativa turística sostíbel e saudábel para a súa vila. A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade da comunidade.
Unha inimiga do pobo acadou sete Premios María Casares: Mellor espectáculo,Mellor dirección, Mellor actriz protagonista, Mellor actor secundario, Mellor adaptación, Mellor espazo escénico e Mellor iluminación.
A función está protagonizada por Marta Lado, Dani Trillo, María Ordóñez, Toño Casals, Rubén Prieto, Marta Ríos, Diego Rey, Xurxo Barcala e Artur Trillo. A dramaturxia correu a cargo de Vanessa Sotelo e Tito Asorey. A dirección é de Tito Asorey.



