Dez ocasións para coñecer as Illas Atlánticas e o río Ulla con saída desde A Pobra

28 Febreiro 2020

Avanzando xa na programación de actividades do verán, o Concello da Pobra do Caramiñal e a empresa Piratas de Nabia colaborarán por segundo ano consecutivo ofrecendo visitas guiadas ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e á Ruta Xacobea do Mar de Arousa e río Ulla. Así, de maio a agosto realizaranse un total de dez viaxes en catamarán, cifra que se incrementa respecto ao 2019, con saída e chegada ao municipio pobrense, sen necesidade de desprazarse a outros concellos. Así o deron a coñecer este mediodía a concelleira de Turismo, Charo Varela; a técnica desta Área, Ángeles Tubío; e Vanesa Varela, en representación de Piratas de Nabia.

A edil Charo Varela argumentou que estas propostas se fundamentan no interese que espertan estes espazos naturais, ademais de contribuír á súa posta en valor. Tamén apuntou ao “éxito” acadado no pasado ano e insistiu na subida polo río Ulla, pois “cremos que é un total descoñecido para a xente da nosa vila e de toda a comarca”, animando a residentes e visitantes a sumarse a estas actividades.

Pola súa parte, Ángeles Tubío detallou as distintas saídas que se efectuarán. En maio, concretamente o día 3, terá lugar a visita á illa de Sálvora para, en xuño, proceder coa saída novamente a Sálvora -nesta ocasión será a coñecida como ruta Starlight-, o 13; a Ons, o 21; e a Cíes, o 28. Xa en pleno mes de xullo regresarase a Sálvora, o 19; a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e río Ulla, o 25, Día de Galicia; e a Ons, o 26. Finalmente, en agosto viaxarase a Cíes, o 2; a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e río Ulla, o 9; e a Sálvora -ruta Starlight-, o 22.

Respecto da colaboración co Concello, Vanesa Varela expresou que o obxectivo “é ter unha continuidade e facer unha programación e asentala para que a xente teña a posibilidade de facer as saídas desde A Pobra.” Tamén anunciou que xa está aberto o prazo de inscrición ás vistas a Sálvora de maio e xuño, mentres que o resto irase incorporando progresivamente. Os interesados poden anotarse a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono de contacto 986320048. Do mesmo xeito, pode solicitarse información e resolver dúbidas desde o Punto de Información Turística. A empresa xestionará directamente a tramitación das autorizacións de entrada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Outros artigos

O BNG esixe “celeridade” para rematar as obras de Palmeira

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez, trasladou en comisión parlamentaria a preocupación existente pola paralización das obras de humanización da estrada AC-305 ao seu paso pola parroquia de Palmeira, no concello de Ribeira. Fíxoo a través dunha...

+

O taichí terapéutico chega a Vilariño e Santa Cruz

O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría de Participación Veciñal, pon en marcha unha nova actividade de taichí terapéutico destinada a promover hábitos saudábeis, favorecer o benestar físico e emocional e ofrecer espazos de encontro para a veciñanza....

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...