A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, confirmou este 23 de outubro en Madrid que a Xunta impulsará en 2025 a candidatura da oitava reserva da biosfera galega, que terá como núcleo o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia pero estenderá a súa área de influencia desde Porto do Son até Baiona sumando máis de 90.000 hectáreas de superficie, o 92% delas marítimas. De aprobarse a proposta, “Galicia pasaría a ter a metade do seu territorio amparado por algunha figura de protección, fronte ao 42% actual”, dixo.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou esta medida en Madrid durante o seu relatorio sobre o Patrimonio natural de Galicia: os nosos soutos e castiñeiros, que se enmarca no programa Toma castaña, organizado pola Casa de Galicia en Madrid para poñer en valor este produto típico do outono.
Vázquez salientou que a comunidade “avanza así na ampliación dos espazos protexidos, como xa fixo en 2021 incorporando a Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera da Unesco e en 2023 co segundo Xeoparque Mundial de Galicia, o de cabo Ortegal”.
Lembrou que ao abeiro deste obxectivo a Xunta consignou nos orzamentos de 2025 unha partida de 80.000 euros para iniciar a tramitación desa oitava reserva da biosfera e garantir a súa divulgación.
En relación coas accións para protexer as poboacións de árbores como os castiñeiros, Ángeles Vázquez lembrou que a comunidade conta co Catálogo de árbores senlleiras de Galicia, no que se inclúen un total de 22 castiñeiros e formacións arbóreas. De feito, trala recente incorporación do gran castiñeiro de Sorribas, o catálogo conta con 194 exemplares e rodais -listado que se pode coñecer na exposición organizada pola Casa de Galicia- que poden beneficiarse todos os anos de axudas para a súa conservación.
Precisamente, entre as árbores destacábeis está o castiñeiro de Pumbariños, no concello de Manzaneda, que se considera o máis antigo de Galicia ao estimar que rolda os 500 anos de antigüidade. Ademais, cos seus 12 metros de perímetro, é un dos castiñeiros de maior diámetro e atópase en bo estado de saúde.




