
Moitos son os desafíos asumidos polos españois en poucos anos; pero aínda quedan moitos outros por cumprir: riqueza, emprego, desenvolvemento, pechar as portas ao racismo, á xenofobia e á intolerancia.
Non vai ser doado acadar todo isto, pero o desafío actual parte do apuntado en decembro pasado pola ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións e que o vindeiro mes de novembro será aprobado polo Consello de Ministros en base a modificacións previstas no regulamento da Lei de Estranxeiría que deberían estar aprobadas no primeiro semestre de 2024.
Con esta reforma, o Goberno tenta reducir os tipos de permisos de residencia e traballo vixentes actualmente, de cara a simplificar a documentación e trámites esixidos aos cidadáns estranxeiros que tentan a súa regularización en España. Con tal reforma, o Goberno agarda cumprir coa transposición do ordenamento xurídico español de dúas directrices europeas: a de permiso único e a de residencia de longa duración.
A prevista reforma tenta simplificar o sistema de autorizacións de residencia mediante a redución da burocracia e axilización dos requisitos, de cara á rebaixa dos procedementos actuais e así diminuír os seus prazos. Os primeiros beneficiados poden ser os estudantes estranxeiros: o visados de estudos rexistrará cambios de cara a supresión da obriga de renovar cada curso a residencia con máis facilidade para pasar dun permiso de estudos á autorización de traballo (co obxectivo de atraer o talento de aqueles que estudaron en España).
Para as persoas sen papeis residentes en España tamén haberá cambios á hora de acadar un permiso de residencia por arraigamento: ao parecer vai reducirse un ano o tempo que deben probar ter vivido clandestinamente no país, pasando de tres a dous anos. Tamén se elimina o requisito de presentar un informe de arraigamento social, se ben se mantén a esixencia de presentar unha oferta de traballo, dificultade actual para os que están en situación de clandestinidade.
Para os familiares estranxeiros de cidadáns españois, a normativa simplificará as canles polas que os seres queridos de inmigrantes que obtiveran a nacionalidade española podan acceder a un permiso de residencia, multiplícase o número de familiares que poden beneficiarse deste tipo de autorización e cambia a idade máxima das persoas que poden solicitar este permiso, colocándoo en 26 anos para os descendentes e en 80 para os ascendentes. Os que se acollan a esta autorización poderán tamén solicitar o reagrupamento familiar e terán permiso de traballo temporal de xeito automático, sen ter que esperar á renovación definitiva da súa petición.
Paralelamente a esta tramitación vai a parlamentaria da iniciativa lexislativa popular (ILP) para a regularización extraordinaria das preto de 200.000 persoas que se calcula viven en España sen papeis, a maioría delas de orixe iberoamericana.



