
Na Ribeira dos anos 50 do século pasado había, entre os referentes máis socorridos emanados dos habitantes daquela vila/cidade, o constante ir e vir de lavandeiras ao río do Ameneiro con baldes e “vacías” de zinc galvanizado (utilizadas tamén para o baño semanal da familia) que elas levaban á cabeza sen practicamente utilizar as mans para suxeitar a bañeira mentres camiñaban; un alcalde-procurador en Cortes (Miguel Rodríguez Bautista); dous curas (don Juan “Perreras”, o párroco, e don José de Carreira, o coadxutor); un sancristán, Albino, recoñecido como o mellor “campaneiro” da contorna; Camilo, o cobrador da luz; Antonio “Pacheco”, que pedía un patacón aos transeúntes; as mulleres que, dende Castiñeiras acudían á praza do peixe do Castelo cargadas á cabeza con bañeiras semellantes ás das lavandeiras, cheas ata os topes de polbo; a camioneta de “Lejías La Carrula” que ía e viña a Castiñeiras cargada de aire e cativos colgados das baldeiras; o café de María; a adega de Sanmarful; as tabernas de Paquito e Parga, e as de Penín, Fernando, Villa e Arestín, situadas as catro últimas nunha rúa de non máis de cen metros de longo; as barberías -as perruquerías eran as das mulleres e estas eran, daquela, as de Mari (na Amarella) e a das Benignas, en Padìn (posiblemente esqueza algunha)- de Cabanelas, O Muxo, Pepe Núñez, Moncho “Mocas”, a do cruceiro do Castelo e a de Manolo O Sucuruco, en Padìn; as ferreterías de Diz e de Moraña, e outra que había a carón do cruceiro da Virxe da Saúde; os cines de Moraña e O Filipino; o quiosco da Vixana; as tafonas/fornos de Tomás, Sinda, Llovo e os bolos de pan de Santiago que chegaban a Ribeira a bordo do autobús da empresa “El Celta”, que apagaba motor arredor das dúas da tarde no garaxe da empresa -onde sempre estaba Julián Elorduy, que expendía os billetes para A Pobra, Boiro, Padrón e Santiago- situado a carón do desaparecido Café Méndez Núñez (onde comezaran a selarse as quinielas) e a sala de festas Cambeiro.
O pan, con “corrosco” incluído, que vendía en Bandourrío José Castelao Ares, a súa dona (costureira), Palmira, e os fillos Sabina, Manolo e Pepe. Castelao era moio coñecido, especialmente polo alcume de Pepe dos Queixos, un albanel de sona procedente da contorna de Compostela.
No Malecón mandaban a polbeira “La Cuba” e “La Parra”, entremedias a confraría de pescadores e o secadoiro de bacallau de Colomer, as conserveiras do Avadiño e Cardona e, en Padín, a de Canucho (a carón desta, os obradoiros do propio Canucho e o dos alemáns, onde se amañaban motos (Nino era o gran mestre nesta materia, e o seu tío Saturnino o xefe do taller) e os motores dos barcos de pesca.
No outro estremo de Ribeira ficaban as conserveiras Cerqueira, Valeiras e Briz; a de Conresa, de fariña de peixe, popularmente coñecida como “a fábrica do cheiro”, todas elas desaparecidas.
Unha paisaxe hoxe absolutamente desaparecida, da que queda unha cidade diametralmente oposta a aquela na que viviamos os que xa vai tempo peiteamos canas ou xa non temos que peitear, que xogabamos ao fútbol no campo do Grupo e no da feira (por detrás do cuartel de Garda Civil), a baloncesto no campo do Frente de Xuventudes, e iamos ao de Frións para aplaudir ao At. Ribeira cando se enfrontaba a equipos da outra banda da ría sen máis motivo ca disputa dun trofeo e escoitarmos a arenga tan coñecida: “Ei, noruegho!”, dun coñecido afeccionado.
Tanto mudou a cousa, si…



