“O idioma galego non está prohibido en Galicia, somos os galegos os que non o falamos”. Antón Luaces

12 Outubro 2024

Nacín  no seo dunha familia galegofalante. Meus avós (os catro) falaban exclusivamente galego. E só se alguèn o interpelaba en castelán, Manuel Teixido Pena (meu avó materno), respostaba neste mesmo idioma aprendido sen outro remedio nos trinta anos de migrante na provincia cubana de Matanzas, onde cortou cana dende os anos 20 aos 50 do século pasado. Os outros meus avós nunca, que eu coñeza, falaron castelán. Non o sabían.

Meus pais falaban galego entre eles, e nós (os catro fillos) castelán. Criámonos en Las Palmas de Gran Canaria (eu nacín en Cariño e tiña once meses cando fomos vivir á illa canaria, lugar de destino de meu pai). De non lle conceder o retorno a Galicia tantas veces solicitado polo meu proxenitor, miña irmá e eu mesmo (os outros dous irmáns faleceron vai pouco sabendo expresarse en galego) non falariamos o idioma dos nosos antergos, todos eles galegos de aldea e nacencia.

No verán de 1963, con algo de língua galega aprendida en Ribeira (co seseo e a gheada tan propias desta terra) fixen o meu primeiro curso desta lingua (sen seseo nen gheada) nunha áula do Instituto Eusebio da Guarda da Coruña, organizado máis ou menos clandestinamente por “O Facho” asociación cultural á que tanto se quixo controlar policialmente (a ditadura exercía coma tal con toda a súa forza) que non facía outra cousa que animar a unha boa parte da xuventude a se rebelar contra tal imposición.

No mesmo verán dese ano fun mercar roupa a unha moi coñecida tenda da coruñesa rúa Sánchez Bregua (curiosamente no mesmo edificio ou moi próximo ao que ocupa actualmente a sede do partido que apoia ao goberno da Xunta). Aquela tenda, con xastres de seu, ampla e acolledora, atendíame moi correctamente un mozo. Falabamos castelán, que era o idioma utilizado sistemáticamente na, daquela, capital provincial e de Galicia. Perto de min, unha señora e a súa filla, compraban asimesmo roupa para, coido lembrar, o home da rapaza, asesorada pola nai. Ambas as dúas expresábanse en galego e semellaban non ter atopado o que buscaban na tenda antedita. Como parecìa non ter chegado a acordo compradoras e vendedor, este -un tanto amolado- instóunas a falar en “español” porque “non entendía” o que lle dicían. 

A moza colleu do ganchete a súa nai dicíndolle: “Ímonos, miña nai. Aquí somos estranxeiras”. E saíron á rúa cara á praza de Mina, quedando só eu coma cliente. Un cliente “español” que, naquel intre, non tivo o que hai que ter para devolver o mercado e xa pagado en metálico, por ter falado en castelán cando podìa expresarme (mal, certamente) en galego, e por non ter respostado ao empregado dunha tenda, á que nunca máis volvín, que estaba en total desacordo co seu proceder. 

Daquela, a inmensa maioría da poboación galega falaba o galego, a súa língua materna. Hoxe en día son, oficialmente, máis o hispanoparlantes que os galegofalantes en Galicia, con datos que a propia Xunta recoñece. 

En 62 anos, moito cambiou o conto. E tendo os rapaces e mozos, dende vai anos, nos colexios, institutos e as tres  universidades galegas a língua coma asignatura. Menos falantes que cando o galego estaba proscrito no sistema de ensino de España.

Cando remataba o ano 1964, con Jose Couceiro Tovar coma director, Radio Juventud de Galicia -emisora pública estatal- poñía en antena o programa diario -de luns a venres- “Amigos da provincia” que presentaban en galego Maricarme Deus Feal e José María Comesaña Moraes con guión do que eu me responsabilizaba. A “aventura” durou poucos meses: Manuel Fraga Iribarne, ministro de Información e Turismo do goberno de Franco, decretou a “morte” do programa por ser emitido este en galego e por ser informativo (cousa esta última que estaba reservada para o “parte” de RNE). Ao mesmo tempo a misa en galego que se retramsmitía os domingos dende a igrexa de Capuchinas  pasaba a ser a que, en latín e castelán, se oficiaba no templo de San Jorge.

Verdadeiramente, a marcha atrás existe. 

Outros artigos

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

+

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.