Ribeira achega neste último trimestre de 2024 unha completa axenda de actividades culturais

10 Outubro 2024

A concelleira de Cultura de Ribeira, Antía Alberte, o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, máis o dinamizador cultural, Unai González, presentaron este xoves 10 de outubro a ampla oferta cultural do novo Auditorio Municipal para as presentes e vindeiras semanas.

Segundo informaron, neste intre está en marcha a Mostra de Teatro, que continuará con funcións todos os venres ata o 20 de decembro e que “está a ser todo un éxito pois esgotamos as entradas e bonos para cada unha das funcións que xa se celebraron”, indicou a edil, engadindo que a finais de outubro as instalacións acollerán tamén a Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo na súa VII edición con máis novidades “das que xa daremos conta”.

Ademais, a concelleira sinalou que o sábado 19 de outubro ás 20:00 h a Sala Polivalente do Auditorio acollerá a proxección da curtametraxe de cine clásico Balle Voyage da produtora Estudo Momento, realizada como homenaxe e inspirada no mestre do suspense Alfred Hitchcock e que vén da man da Deputación da Coruña. Despois da proxección a directora Iria Ares e o produtor Xoán Mejuto, tamén protagonistas do filme, farán unha presentación das claves para o deseño da curtametraxe e animarán ao público a facer intervencións e preguntas sobre o cinema clásico en Galicia, o universo Hitchcock, etc. A entrada será de balde ata completar o aforo da sala (120 persoas).

Tamén froito da colaboración co ente provincial, o xoves 21 de novembro ofrecerase outra proxección ás 11:30h da mañá, neste caso dirixida á alumnado de educación secundaria de Ribeira. A peza que poderán visualizar é o documental de Nós Televisión Bravú XXX, que fala dos 30 anos deste movemento cultural e a conexión que continúa a ter coa música galega actual coincidindo co 30 aniversario da súa fundación; o filme está conducido polo mítico Xurxo Souto.

E nesa mesma semana de novembro, o sábado 23 ás 20:00 h, o Auditorio acollerá o espectáculo teatralIconos ou a exploración do destino do artista Rafael Álvarez “El Brujo”, un dos actores e dramaturgos máis emblemáticos do teatro español. Grazas á colaboración que estableceu a Área de Cultura coa produtora, conseguiuse que súa xira actual faga parada en Ribeira por primeira vez para amosar este monólogo de humor que reflexiona sobre a tradición oral dos relatos mitolóxicos na traxedia grega. “Esta cita é importante”, sinalou a concelleira, “xa que Ribeira será xunto a Ferrol, a única cidade que visitará na xira deste espectáculo, recalando a maiores en Oviedo no día anterior polo que a nosa cidade será o punto de encontro de moitos afeccionados e fans galegos que queiran velo, sobre todo do sur do país”. A produtora porá á venda as entradas para esta actuación nos vindeiros días a través da billeteira de Ataquilla.com, para que se poidan mercar online dende a casa pero manterase tamén a venda presencial de luns a venres na oficina de atención cidadá do Concello en horario de 9 a 14 h e unha hora antes do espectáculo nas instalacións do propio Auditorio. En canto ao prezo, recalcar que no marco desta colaboración, foi posíbel rebaixar o importe das entradas e a empresa fixounas para o espectáculo en Ribeira a 18€ para o patio de butacas xeral e fila inclusiva e a 16€ para as zonas de baixa visibilidade (máis os gastos de xestión que correspondente a Ataquilla.com).

Xa no mes de decembro, o día 6 recalará en Santa Uxía a obra Hugo de Náufragos Teatro ás 19.00 horas. Esta é unha obra teatral dirixida a público familiar, que foi premiada nos María Casares de 2022 como mellor espectáculo infantil e que aborda o tema do trastorno do espectro autista na nenez. Trátase dunha “peza chea de sensibilidade e empatía que fala da diversidade, da convivencia e da beleza de sermos diferentes”. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala pero deberán reservarse as entradas igualmente dende Ataquilla.com. A apertura de portas será media hora antes.

O Concello tamén avanzou que o 15 de decembro, en colaboración con outra empresa produtora de espectáculos, contarase cun musical infantil inspirado nunha coñecida película de Disney. “Os detalles deste espectáculo, venda de entradas e demais desvelaranse en datas próximas en canto pechemos as condicións da colaboración”, informaron, salientando o “éxito que están a ter os espectáculos ofrecidos polo noso Grupo Municipal de teatro, xa que foi un éxito a súa actuación o pasado sábado no VII Festival Teatro no Camiño en Melide e continuarán percorrendo outros municipios como Rois e Porto do Son con Criaturas ou Santiago e Ames con O Rei Telesforo busca noiva (e quere noivo), así como que fai dúas semanas que comezaron os ensaios do Grupo Municipal Infantil de Teatro para o que aínda quedan 4 prazas libres por si algún cativo de 7 a 12 anos se quere matricular.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.