Este domingo 6 de outubro celebrouse unha das andainas do programa Coñece o noso patrimonio, posto en marcha polo Concello de Outes para reivindicar con roteiros os seus tesouros ambientais, paisaxísticos e culturais. A andaina do domingo incluíu unha visita ás capelas e ao castro de Santo Ourente. A seguinte, o roteiro A Santa Lucía por Entíns, celebrarase o vindeiro domingo 20 de outubro e será a última destas rutas de outono.

Catro roteiros
A nova axenda do programa (que xa comezou) inclúe catro andainas para residentes e visitantes. Dende a histórica relación do concello co mar até o seu patrimonio industrial, pasando pola arquitectura eclesiástica e as paraxes de importancia ambiental, o programa de percorridos a pé deste outono achegará información a todas as persoas participantes para coñecer polo miúdo todo o que agocha o concello.
Todas as andainas son os domingo con comezo ás 09:00 da mañá. A inscrición é de balde e pódese facer a través do teléfono 981 850 950, da Casa da Cultura de Outes ou da páxina web do Concello onde se atopa un formulario. Só se pode inscribir a partires do luns previo a cada andaina. Todos os percorridos teñen dificultade media.
O programa está composto polos seguintes roteiros: Paseo polo mor e o monte de San Cosme (o domingo 8 de setembro dende a igrexa de San Cosme, con 9 quilómetros de percorrido), De San Tirso á Catedral da Electricidade (o domingo 22 de setembro dende a igrexa de Cando, ás 9.00 horas, con 8 quilómetros de dificultade), Visita ás capelas e castro de Santo Ourente (o domingo 6 de outubro, dende a igrexa de Santo Ourenste con 8 quilómetros de percorrido), e A Santa Lucía por Entíns (o domingo 20 de outubro dende a igrexa de Santa María de Entíns, con 6,5 quilómetros de distancia).




