“Unha televisión pública sen amarrallas políticas, é posible” – Antón Luaces

09 Outubro 2024

O 16 de febreiro pasado cumpríronse os primeiros 300 venres negros  cos que os traballadores da Televisión de Galicia (TVG) fixeron -e fan- pública a súa loita contra da manipulación informativa e a prol do cumprimento da Lei de Medios aprobada polo Parlamento galego.

A cadea pública autonómica, dirixida dende vai oito anos pola mesma persoa, veu nacer o 25 de maio de 2015 a plataforma “Defende a Galega” que denuncia  sistematicamente o funcionamento dos servizos informativos aos que cualifica de correa de transmisión dos intereses políticos do goberno galego. 

O persoal da radio e a televisión públicas de Galicia mobilízase constantemente contra a “censura” e a “manipulación” deses medios conscientes de que dende a dirección dos mesmos e a propia Xunta de Galicia teñen a intención de que todo siga igual para que nada cambie, sabedores de que o tempo xoga ao seu favor e que a moral dos traballadores que protestan vai a menos ao igual que tamén son menos os disconformes que se expresan contra dos que gobernan e mandan, cansos de tanto protestar en van.

A plataforma “Defende a Galega” foi galardoada en 2019 co premio José Couso de Liberdade de Prensa que convocan anualmente o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. Mais este tipo de recoñecemento non fai que varíe a derrota do navío informativo que puxera a navegar Manuel Fraga Iribarne na súa andaina de presidente da Xunta de Galicia.

E sen embargo, outra televisión pública é posible, como evidenciou o pasado luns, 7 de outubro,  o equipo de informativos de TVE no Telediario 2, facendo un recopilatorio do ano transcorrido dende os ataques de Hamás e a ofensiva de Israel contra Gaza. 

Un equipo encabezado por Marta Carazo, actual responsable de informativos de TVE, fixo repaso dende Xerusalén e con conexións con Líbano a todo o acontecido no decurso do ano xa transcorrido, que se salda con case 50.000 mortos e 100.000 feridos (a inmensa maioría deles civís -nenos e mulleres-) entre Gaza e Líbano.

Foi este un especial informativo que evidenciou o labor profesional dunha televisión pública que pagamos todos os españois, do mesmo xeito que os galegos pagamos a CRTVG e os seus órganos de difusión da radio e a televisión galegas.

Ese especial informativo fixo que moitos lembraramos os tempos nos que, tamén en RTVE e os seus órganos de difusión RNE, TVE e REE, loitabamos pola creación dos  consellos de redacción e a desconexión política destes medios co Goberno de turno e o partido político que o sustentara.

É posible: o pobo é quen máis ordena (“Grándola, vila morena”).

Outros artigos

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

+

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

+

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

Tras el varapalo del último informe PISA, que sitúa a los alumnos españolespor debajo de la media de los países miembros de la OCDE en matemáticas,lectura y ciencias, lo que muestra un importante retroceso respecto a losniveles de hace una década, alguien debería...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.