
Levabamos tempo sen vivir unhas tan duras circunstancias como as que nos depara esta semana a potente borrasca que actualmente afecta ás catro provincias galegas pola que foi -e aínda é- a pasada por esta comunidade autónoma dos restos do ex-furacán Kirk. Unha borrasca que mantén activos avisos en todo o territorio galego por importantes acumulacións de auga e fortes temporais de vento no litoral con ondas de ata sete metros. Un temporal que afecta especialmente ao sector pesqueiro -con practicamente a totalidade dos barcos amarrados nos seus portos base- e que se suma ás poucas posibilidades de pesca para distintas frotas polas malas condicións de mar da anterior semana.
Ao dicir dun veterano mariñeiro, “estamos a pagar todo o bo tempo dos últimos 50 días”. E abofé que así está a ser.
Este vento e o temporal de choiva, sen chegar a aqueles estremos, fainos lembrar aos Hortensia e Klaus, cos seus negativos efectos no país: árbores partidas e arrincadas, instalacións eléctricas derrubadas, tellados e hórreos esnaquizados e centos de leiras anegadas con colleitas estragadas pola auga da choiva acumulada e o desbordamento dos ríos.
E por riba, a frota amarrada, sen poder saír a pescar e dando oportunidade ao peixe de piscifactoría para gañar postos no ranking nacional.
Menos mal que aguanta a temperatura e que o sol amosa a súa faciana de cando en vez, o que nos permite aos “de terra” recibir unha mini dose de vitamina sen ter que recorrer, como fan no Norte de Europa, a pastillas que complementan ou substitúen esas raoliñas que vai unhas semanas semellaban sobrarnos e que actualmente botamos de menos.
As previsións falan dun mércores (mañá) de intensas precipitacións e forte vento no interior e na costa, especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra, onde se agardan choivas de ata 80 litros (40 no interior de Lugo e Ourense) por metro cadrado en 12 horas. Todo este prognóstico pon en cor laranxa a totalidade do territorio agás o interior da provincia coruñesa.
O vento do suroeste, racheado, con refachos de entre 70 e 80 quilómetros por hora durante este martes do que se libra relativamente o interior da provincia de Lugo. A borrasca chegará ao noroeste da península entre a tarde deste martes e o mércores, segundo AEMET. Dará lugar a un importante temporal marítimo en Galicia e o Cantábrico con refachos de vento afuracanado superiores a 120 quilómetros por hora.
Evidentemente, días de paraugas na casa.



