Bancos de Alimentos galegos demandan axudas ante unha situación que cualifican de “complicada” á espera de que se convoquen novas campañas de recollida.

Na mesma liña, o presidente do Banco de Alimentos da Coruña, Manuel Moura, insta os voluntarios a “botar unha man á hora de informar á xente das necesidades”. “Estamos nunha situación complicada que nos obrigou a investir diñeiro”, sinala sobre as achegas económicas que reciben e que destinaron á compra de produtos.
E aínda que destaca a colaboración de institucións, incide en que os seus recursos son “limitados”. No caso do Banco de Alimentos da Coruña atenden a 27.000 persoas a través de 120 entidades chegando a toda a provincia.
Sobre esta época, indica que é “a peor” xa que o resto do ano contan con alimentos “doados polas recollidas que facemos, como a da última fin de semana de novembro, e iso dúranos normalmente ata marzo e abril”. En maio, volve haber unha nova recollida coa que completan os meses de “xuño, xullo e algo de agosto”.
En canto ás doazóns de particulares, sexan económicas ou en produtos, explica que “está a influír de forma importante” a cesta da compra polo custo da mesma. Con todo, resaltan as doazóns de cinco euros por parte dalgunhas persoas. “Teñen un mérito tremendo”, sinala nos casos en que estas teñen recursos limitados.
Respecto ás necesidades, lembra que adoitan pedir produtos non perecedoiros, pero, en particular, subliña as vantaxes dos envasados e xa precociñados para colectivos que demandan axuda. “Facilítalles ter que evitar consumir enerxía eléctrica”. Tamén pide produtos para bebés, ao atender a case 800 na provincia a través de entidades.
“Entraron recentemente nais con malos tratos familiares”, refire sobre o perfil de persoas que atenden, “ao redor de 260 máis”. Este dato vincúlao co feito de que agora Europa facilite achegas co “cheque moedeiro” que esixe que as persoas teñan que ter “un menor ao cargo”.
Na mesma liña, Iván Martínez, presidente do Banco de Alimentos de Vigo -que entregou no primeiro semestre deste ano un total de 705.027 quilos de comida- explica que está a ser un ano complicado “porque desapareceu o Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas”.



