
A lexislación establece que en caso de desaloxos dos seus fogares de persoas ou familias vulnerábeis a Administración ten que garantir unha alternativa habitacional. En Galicia, é competencia da propia Xunta de Galicia e en ocasións non se lles garante porque non hai as vivendas suficientes e adecuadas para garantir ese dereito, principalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra.
“As Administracións Públicas teñen o deber de adoptar medidas razoábeis para prover vivenda alternativa ás persoas que poidan quedar sen teito como consecuencia dun desaloxo”. Está claro e é o máis lóxico e evidente, así a concesión do bono ao alugueiro non lle garante á familia o poder atopar unha vivenda nunha situación actual tan convulsa do mercado inmobiliario, alentado pola especulación. Hai tempo falamos da usura e a prepotencia das entidades financeiras e agora hai que trasladalo a algúns rendistas particulares.
A realidade dalgúns procedementos xudiciais de desafiuzamentos é que se alongan no tempo porque a administración non é quen de poder ou querer garantir a alternativa habitacional para as persoas vulnerábeis vítimas dos desafiuzamentos. Non nos esquezamos de que son vítimas, porque carecen dos recursos suficientes para poder facer fronte ao préstamo hipotecario ou á renda do alugueiro, en moitas ocasións por causas sobrevindas.
Por outra banda, tampouco nos podemos esquecer dos caseiros ou arrendadores que tamén teñen o dereito para solicitar, ante o IGVS da Xunta de Galicia, unha compensación económica, cando nos tres meses seguintes á data en que se emita o informe dos servizos sociais sinalando as medidas adecuadas para atender a situación de vulnerabilidade acreditada facilitando o acceso das persoas vulnerábeis a unha vivenda digna, non adoptase tales medidas.


