Unha nova campaña do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e máis o Instituto Español de Oceanografía está a se desenvolver dende a desembocadura do río Miño ata a do Bidasoa.
Un equipo científico do citado Instituto zarpou o pasado día 23 do porto de Vigo a bordo do buque oceanográfico Miguel Oliver para realizar a devandita campaña ao longo de cinco sectores da plataforma continental de Galicia e a cornixa Cantábrica, nunha nova edición da campaña “Demersais” de 35 días de duración que rematará no porto de Santander o vindeiro 24 de outubro.
Os estudos que levan a cabo os científicos permitirán proseguir coa serie de datos recompilados sobre os índices de abundancia das principais especies pesqueiras, así como recoller información sobre os patróns de distribución espacial da fauna bentónica e demersal, a caracterización hidrográfica e sedimentolóxica da zona e a súa influencia sobre as especies identificadas.
Esta campaña multidisciplinar combina os mostreos por arrastre de fondo para a avaliación das especies de peixes, crustáceos e cefalópodos, coa toma de datos e mostras biolóxicas mediante dragas de sedimento para a caracterización dos fondos CTD para obter datos da columna de auga.
Amáis, van realizarse estudos de alimentación das distintas especies, censo de aves e a súa relación coas especies descartadas, recolleita de mostras biolóxicas para estudos de contaminación, marcado de quenllas e raias, e o seguemento dos arrecifes artificiais do Cantábrico, entre outros. Nesta edición está prevista a recompilación de datos de batimetría e tipo de fondo, mediante o uso da sonda multiface, procesado de novos datos xeolóxicos adquiridos e análises morfosedimentarios.
Esta edición continúa a serie histórica que se realiza dende o ano 1983 para a avaliación dos recursos pesqueiros na plataforma norte da Península Ibérica, unha investigación fundamental na UE para a correcta xestión pesqueira e medioambiental.
A campaña que se cita resposta, amàis, a diferentes compromisos adquiridos a nivel internacional para a xestión sostible dos nosos mares e forma parte do Programa Nacional de Datos Básicos do sector pesqueiro con financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Acuicultura (FEMPA).
A aposta polo coñecemento e a investigación científica é a base para unha xestión pesqueira sostible e responsable cuxos resultados deberían ter unha aplicación con resultados factibles, que boa falta fan á distintas frotas que faenan no caladoiro Cantábrico Noroeste.



