
O escritor noiés Xerardo Agrafoxo vai presentar este mes de setembro na nosa comarca o seu novo libro de viaxes: Un café en Bogotá. Dúas tumbas en Medellín. Tras os pasos de García Márquez e Avilés de Taramancos. A cita será o venres 27 de setembro ás 20.30 horas no salón de actos do Centro Social do Concello de Boiro, nun acto organizado pola Asociación Cultural Barbantia, Editorial Toxosoutos, La Voz de Galicia e o Concello de Boiro.
Intervirán na cita literaria María Xesús Blanco (presidenta da A. C. Barbantia), Xerardo AgraFoxo (escritor e investigador) e José Ramón Romero (alcalde de Boiro).
Por certo que ao día seguinte o sábado 28 de setembro, Barbantia e La Voz presentarán o novo número (o 197) do suplemento cultural A Voz de Barbantia.
Segundo adiantan dende a editorial noiesa Toxosoutos, as páxinas do novo libro de Agrafoxo describen un periplo de 45 días polos “lugares máis emblemáticos de Colombia… unha andaina na que se fala dos problemas dun país sacudido polas gerruillas, as bandas paramilitares e os crimes dos narcotraficantes… Esta viaxe de 3.000 quilómetros en solitario tamén é unha pescuada tras os pasos de Antón Avilés de Taramancos, que viviu naquel país 20 anos, e Gabriel García Márquez, o Premio Nóbel máis recoñecido das últimas décadas”.



