
Este venres 20 de setembro celebrouse na Escola Oficial Náutico-Pesqueira a III Xornada de Pesca de Ribeira, organizada pola Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía (OPP-83), á que asistiron á súa apertura, Alfonso Villares, conselleiro do Mar, Gloria María Santalla, directora da Escola Oficial Náutico-Pesqueira e María José Casáis, xerente de OPP83; ademais estiveron presentes na xornada o alcalde Luís Pérez Barral e o concelleiro de Sanidade, Juan Luís Furones, entre outras autoridades.
Nunha xornada ateigada de relatorios e de público, abordáronse diferentes cuestións para o futuro do sector así como novos regulamentos, a comercialización, as oportunidades de financiamento para novos proxectos, a situación da pesca no litoral, as cotas, os descartes e a política de pesca da Unión Europea.
A xerente da OPP83 María José Casais e o alcalde, Pérez Barral, clausuraron a xornada. O rexedor fixo alusión ás cuestións fundamentais como os regulamentos e normativas, esenciais para garantir unha actividade pesqueira sostíbel e responsábel e afirmou que “debemos traballar para que estas normas recoñezan a singularidade da pesca galega e, por tanto, eviten os danos á nosa economía e o noso sistema produtivo”.
Tamén quixo contextualizar que “o mar en Ribeira supón xeración de riqueza, sen dúbida, xa que son miles de postos de traballo e representa un 32% do PIB municipal pero o mar tamén é cultura e tradición. Por iso dende o Concello creamos unha Concellaría do Mar que vele polos intereses do sector e tamén estamos destinando recursos a accións de promoción dos nosos produtos pesqueiros con diversas feiras e eventos, e agora a finais do mes de outubro realizaremos unha mostra de cine documental, única en España, que está relacionada co mar.”

Barral puxo de manifesto que os foros de debate son cruciais para seguir mellorando noso propio sector e finalmente agradeceu que “Ribeira poida acoller eventos como este, por iso reitero o meu agradecemento á Cooperativa de Armadores. Anímovos a que sigamos traballando xuntos, coa mirada posta nun futuro sostíbel para a nosa pesca e para o noso mar”.
Reclamacións concretas da OPP83
No transcurso da xornada, na que participaron unhas cen persoas, a OPP83 reclamou “unha política pesqueira realista e alerta coa caída do consumo de peixe” e instou á “revisión da política pesqueira común”, ademais de defender a “soberanía alimentaria”. Ademais, a OPP83 reclamou maior diálogo por parte das administracións para non asfixiar á pesca galega.
O futuro da pesca galega de litoral, a caída do consumo de peixe, a normativa e as axudas europeas, e a interacción accidental con cetáceos foron o eixo central da III Xornada de Pesca de Ribeira. O evento, organizado pola Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía de Ribeira-OPP83, contou cunha gran afluencia de público. Ao redor de 100 persoas participaron nunhas xornadas marcadas polas protestas á asfixia normativa ao sector, a preocupación pola caída do consumo de peixe nos fogares españois, e a defensa do papel da pesca na protección do medio mariño.

A directora de FEDEPESCA, María Luisa Álvarez Blanco, e o investigador da área de Economía Aplicada do IDEGA, Gonzalo Rodríguez Rodríguez, centraron os seus relatorios na comercialización. Álvarez denunciou a preocupante perda de peso alimentario do peixe nos fogares españois e expuxo a necesaria eliminación do IVE dos produtos pesqueiros como unha ferramenta para reverter a situación. Rodríguez engadiu que, a pesar de existir unha baixada no consumo, é preciso non caer no pesimismo ou alarmas innecesarias e reivindicar o traballo e competitividade da pesca galega.
Os encargados de falar de normativa pesqueira foron a xefa de Área de Control Pesqueiro da Subdirección Xeral de Vixilancia e Loita contra a Pesca Ilegal da Secretaría Xeral de Pesca do MAPA, Cristina Laborda; o xefe de Área da Subdirección de Biodiversidade Terrestre e Mariña do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Rafael Centenera; e o director xeneral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Conselleria de Mar, Antonio Basanta.
Durante a súa intervención, Laborda tratou de lanzar luz sobre a modificación do regulamento de control e a problemática de obrigación de desembarque, e remarcou o compromiso do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación por mellorar a comunicación co sector.

Pola súa banda, Centenera urxiu á construción dun plan nacional para as capturas accidentais de cetáceos e alertou da posíbel sanción de Bruxelas que pode recibir España se non avanza na creación dun real decreto sobre esta problemática. Por último, Basanta fixo referencia ás posibilidades de financiamento que ofrece o Fondo Europeo Marítimo para a Pesca e a Acuicultura (FEMPA) en, por exemplo, a reforma dos barcos.
A xornada foi clausurada pola xerente da OPP83, María José Casais, e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral. A representante da Cooperativa valorou como un “aspecto positivo” a revisión da política pesqueira e puxo o foco na procura de obxectivos “reais e alcanzábeis”. Así mesmo, cualificou de “imprescindíbel” a soberanía alimentaria e denunciou a importación de terceiros países que “non cumpren cos niveis de esixencia que si cumpre a nosa frota”.
Villares pide máis implicación do Goberno
Na cita tamén participou conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen aproveitou para reclamar ao Goberno central “unha maior implicación na promoción dos produtos pesqueiros nun contexto de progresivo descenso da presencia destes alimentos na cesta da compra”. Nesta liña, puxo en valor o compromiso da Xunta neste ámbito con campañas como Galicia Sabe aMar, apoiando as iniciativas realizadas polo propio sector así como con axudas autonómicas para potenciar a presenza da cadea mar-industria nos mercados internacionais.
Alfonso Villares mostrou a súa desaprobación á tramitación por parte do Ministerio de Consumo dun decreto para regular a seguridade alimentaria e nutrición para o fomento dunha alimentación saudábel e sostíbel nos colexios que, dixo, “limitaría o consumo destes alimentos”. Segundo comentou, “é unha proposta que choca coas premisas da Organización Mundial da Saúde e que vai no sentido oposto aos informes emitidos pola propia Axencia Española de Seguridade e Nutrición que recomenda tres ou máis racións semanais. Unha medida, ademais, que tería un impacto negativo para un sector responsábel e modelo de sostibilidade”.




