A baixa cotización acadada este verán pola frota palangreira , leva ao sector a declarar unha situación de emerxencia. A frota non cubre custos, e os comercializadores, que financian moitas veces con adianto as mareas de meses de duración nas que se embarca este segmento da frota nos tres océanos, están a ter dificultades para colocar o produto no mercado.
O palangre de superficie, sempre ao límite da rendibilidade por mor da longa duración das mareas, os altos custos de explotación e o limitado valor das capturas, chegou á fractura.
O descenso histórico dos prezos do peixe espada acadou este veràn unha cotización en primeira venda de 3,5 euros/quilo para determinados tamaños cando o umbral mínimo de rendibilidade estaba nos 5 euros, feito que levou ao sector a declarar a devandita situación de emerxencia.
O peixe espada acumúlase nos frigoríficos e desplomáronse os prezos nos canais de distribución, para sorpresa e incomprensión dos produtores, segundo informes de “Industrias Pesqueras” que salienta que o peixe espada se mantén con prezos de vai 20 anos, cando en primeira venda acadaba unha certa estabilidade con prezos de entre 8 e 10 euros por quilo.
Coa chegada do ano 2024 todo mudou: xa no primeiro trimestre, o sector comezou a notar quer o mercado “non tiraba”. As esperanzas puxéronse daquela no verán (época de forte consumo destas especies) pero que este ano foi o da constatación da caída imparable que se temía.
Esta crise estival levou á frota a unha delicada situación que se alonga no tempo dende 2013, cando a política de aletas adheridas obrigou á frota comunitaria a asumir importantes perdas, ao entender que a medida tamén sería adoptada polas Organizacións Rexionais de Ordenación Pesqueira (ORP). A continuación veu o COVID-19, que provocou o peche do sector e disparou os custes dos fletes, e a crise dos combustibles, derivada da invasión por Rusia de Ucraína, o que empiorou aínda máis a situación.
Por se isto fora pouco, as incorporacións sucesivas de marraxo e tintorera ao Convenio CITES, aportaron problemas adicionais relacionados coa adaptación normativa á lexislación española, seguida da batalla que afectaba á imaxe pública deste segmento, convertido en branco de numerosas ONG para captura e comercialización. Así, a guerra intensifícase coa iniciativa cidadán europea que propón a prohibición do comercio de aletas dende Europa, o que ven ser unha ameaza moi real para o palangre.
Pero este non é o detonante exclusivo dos palangreiros: foi o de todo o sector pesqueiro, co descenso do consumo de produtos do mar nun 2,2% e nun 30% no acumulado da última década, que se ceba especialmente coas especies do palangre, escenario inédito. Redúcese a demanda e a oferta non vai a menos. O último foi un ano de boas capturas, como tamén o é o actual. O problema é, fundamentalmente,
de consumo. A crise de prezos acentúa as debilidades que afronta a cotío o palangre. Hai xente que fai mareas de catro meses, e se cando chegan venden a estes prezos, entran en números roxos. Véndese espada por baixo dos custes de produción. Polo tanto, hai motivos para estaren preocupados.
Reestruturación?. Non se desbota. O sector formula o despezamento de 45 unidades, o 30% do censo. Quen aposta polo futuro?.



