A Pobra do Caramiñal despedirá a época festival, novamente, cunha das grandes celebracións do calendario festivo galego: O Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000, que se desenvolverá do 13 ao 16 de setembro. O Nazareno terá como vén sendo habitual unha marcada vertente relixiosa pero tamén unha ampla listaxe de actividades culturais e de lecer para todos os públicos, coa música como unha das grandes protagonistas. A maiores, a axenda inclúe un espectáculo combinado de drons, Flock Drone Art, e fogos de artificio que iluminará o ceo nocturno da localidade no luns 16.

“Temos o firme compromiso de, sen renunciar á súa identidade, redimensionar as nosas celebracións para que vaian medrando a cantidade, diversidade e calidade das propostas de ocio. Por iso teremos os concertos de artistas locais como Maneiro e Human, pero tamén teremos un tributo a Michael Jackson ou as orquestras Olympus e París de Noia. Tamén decidimos innovar conxugando drons e fogos artificiais para un broche de ouro á altura destas festas. E, para que a veciñanza os desfrute en plenitude, recomendamos que se sitúen no propio paseo dos Areos, de fronte ao mar” destacou da axenda a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.
No que respecta ao formato organizativo, muda neste 2024. A este respecto, Lojo explicou que “como xa avanzamos en anteriores ocasións, co obxectivo de aliviar o traballo das comisións de festas do noso municipio, cambiamos a fórmula de colaboración. O Concello asume tres días de festexos que se corresponden co venres, sábado e luns, mentres que o domingo é asumido pola comisión á que apoiamos tamén cunha subvención”.
O alcalde José Carlos Vidal anunciou que se destinan “máis de 100.000 euros para que cidadanía e visitantes desfruten das festas do Nazareno”, das que pon de manifesto que son un referente. Como titular da Concellaría da Seguridade, asegurou que se activarán tódalas medidas de protección e orde necesarias. Por este motivo, dixo, convocarase como cada ano unha xunta local de seguridade para coordinar todo o dispositivo e que se celebrará na vindeira semana. Con relación ao colofón do luns, apunta que se reformula o espectáculo nocturno ao incorporar o uso de drons.

Pola parte da comisión de festas, o seu presidente, José García, salienta a calidade do cartel deste ano. Entre as agrupacións musicais subliña a presenza da Banda de Música Unión Musical de Valladares, que estará por segunda vez ao completo na Pobra con entre 60 e 65 integrantes. Ten, así mesmo, palabras de agradecemento para as empresas e persoas que colaboran.
Este período festivo iniciarase no venres 13, xornada na que terá lugar o pregón no Consistorio, ás 21.15 horas. Nesa mañá farán entrada na vila o Grupo de Gaitas Xiada e a Banda de Música Municipal de Redondela, ás 12.00 horas, para esta última dirixirse aos Xardíns de Valle-Inclán, ás 13.00 horas, para ofrecer un concerto que se repetirá ás 20.00 horas. E á noite haberá rock con Human e Maneiro, a partir das 22.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán, para acabar cunha disco móbil.
A música tradicional e as bandas protagonizarán o sábado 14. A Banda de Música Unión Musical de Valladares, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, o Grupo de Gaitas O Son do Pote e o Grupo de Gaitas Xiada farán unha ruada das 10.00 horas en diante. Estas mesmas agrupacións seguirán animando a vila cara ao mediodía. As dúas primeiras darán un concerto nos Xardíns de Valle-Inclán, a partir das 12.15 horas, mentres que Xiada realizará unha ruada polo rural e O Son do Pote continuará levando a música ás rúas da vila. Na tarde, ás 19.15 horas, repetiranse as sesións musicais de San Xoán de Paramos e Unión Musical de Valladares, para, ás 21.15 horas, emprender unha ruada de despedida das agrupacións dende a Casa Consistorial ata a zona do Castelo. A verbena chegará da man de Trébol, a partir das 22.30 horas, na praza Alcalde Segundo Durán, para dar paso a un dos pratos fortes da celebración: Michael Legend, o tributo a Michael Jackson, á medianoite. Haberá tamén segundo pase da orquestra Trébol e rematarase cunha disco móbil.
O momento máis agardado é a procesión votiva das Mortallas, no terceiro domingo do mes, día 15. Sairá da igrexa de Santiago do Deán, ás 10.30 horas, acompañada dunha multitude de fieis. Posteriormente, oficiarase a misa cantada no dito templo. Dende ben cedo, ás 10.00 horas, farán entrada na localidade a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, a Banda de Gaitas Agarimo de Catabois, o Grupo de Gaitas O Son do Pote e o Grupo de Gaitas Xiada, ademais dos concertos nos Xardíns de Valle-Inclán, na praza de Maura e na de Victoriano García Martí, ás 13.00 horas. Así mesmo, os Xardíns converteranse en escenario musical coas actuacións do Grupo de Gaitas O Son do Pote e a Banda de Gaitas Agarimo de Catabois, ás 18.15 horas; o Coro Tradicional Ximiela, ás 19.00 horas; e a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, ás 20.00 horas. Tocará bailar a partir das 21.30 horas con La Oca Band e Olympus, na praza Alcalde Segundo Durán.
O luns 16, festivo local, chegará o intre de despedir as festas do Nazareno. As ruadas musicais arrincarán ás 10.30 horas coa Banda de Música de Muimenta, a Banda de Gaitas Os Chaneiros, o Grupo de Gaitas O Son do Pote e o Grupo de Gaitas Xiada (que fará alborada polo rural). Así mesmo, Os Chaneiros dinamizarán os Xardíns de Valle-Inclán, a praza de Maura e a de Victoriano García Martí, das 12.30 horas en diante, mentes que O Son do Pote fará o propio polas rúas da hostalaría. A zona da Covecha encherase de cor coa Festa Holi Pobra, ás 16.30 horas. Despois tocará desprazarse novamente aos Xardíns, ás 19.00 horas, para escoitar a tódalas agrupacións. E a París de Noia marcará o ritmo da noite, a partir das 21.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán, para contemplar o espectáculo no ceo nocturno, ás 00.15 horas, como colofón.
Na apartado relixioso, cómpre indicar que durante todo o mes de setembro celebraranse numerosas cerimonias e a novena.




