O alcalde de Boiro José Ramón Romero, e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luis Ruiz, acompañados do arquitecto municipal, supervisaron este luns 26 de agosto a execución das actuacións que se están a levar a cabo en Goiáns para a rehabilitación da capela do pazo e a creación do sendeiro que une o Coído coa propia finca.

Segundo lembraron, o inmóbel principal do Pazo de Goiáns e máis a torre xa foron obxecto de rehabilitación no ano 2022 e tamén o acondicionamento da finca. Neste momento estase a actuar sobre a capela mediante unha subvención da Deputación da Coruña e tamén na mellora ambiental do esteiro do río Coroño.
As actuacións que se están a levar a cabo ascenden aos 110.133,81 euros e contemplan a consolidación, sen alterar a estética, dos restos que se conservan integramente; rehabilitar a cuberta, os muros e as carpinterías; e a instalación de nova iluminación.
Ademais das actuacións da capela, estanse a executar as obras para a mellora ambiental no estuario do río Coroño, unhas actuacións que ascenden a un total de 204.024 euros e que axudan a conectar o Pazo co núcleo urbano, mellorando a súa accesibilidade e dándolle un valor engadido á súa contorna natural.
Para frear o deterioro das edificacións o Concello de Boiro encargou proxectos de rehabilitación con vistas a solucionar o estado de ruína das edificacións e, para a execución dos proxectos vaise concorrer ás subvencións de cooperación para municipios de menos de 50.000 habitantes da Xunta de Galicia, a través de préstamos sen intereses, para a rehabilitación de inmóbeis.




