
A xira Close to you do trompetista vigués Rubén Simeó fará unha parada en Noia este sábado 31 de agosto. Será na praza do Tapal a partir das 22.30 horas, onde estará acompañado da Banda de Música de Noia, coa dirección musical de Iván Maia Boullosa e interpretando clásicos (standards) do pop ou do jazz como a devandita Close to you, My way ou Ballade for Adeline. As entradas pódense adquirir no Liceo de Noia.
Apuntes biográficos
Nado en Vigo en 1992, en xullo de 2005 con tan só 13 anos, Rubén é convidado por Maurice André á Semana Internacional da Trompeta celebrada en Bordeaux (Francia) con gran éxito de crítica e público.
No 2006 tras ser laureado no Maurice André Competition de París á idade de 14 anos, Rubén Simeó comezou a gañar concursos por toda Europa sendo sempre o vencedor máis novo en todas as edicións.
En 2008 actúa no Auditorio de Lille xunto a Maurice André e o trombonista Michel Becquet nun concerto transmitido pola Radio e a Televisión francesa.
Con 12 anos actúa como solista no Concerto de Nadal da Orquestra da RTVE dirixido por Adrian Leaper, e participa nunha chea de programas de radio e televisión de España (TVE, Antena3, Catro, Radio Clásica) e do resto do mundo incluíndo Radio France, , TV Italiana, Tokyo TV, Pequín TV ou Armenian TV. A esa mesma idade gravou o seu primeiro disco Ilusión, presentado nunha ampla xira de concertos por España e Portugal.
En 2005, con só 13 anos, recibe en Stuttgart (Alemaña) o Premio Europeo da Cultura como recoñecemento á súa brillante carreira.
A día de hoxe, Rubén Simeó actúa regularmente con grandes orquestras como RTVE, a Orquestra de Valencia, a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Filharmónica de Málaga, a Sinfónica de Illes Balears en España, así como a de Múnic ou de Stuttgart en Alemaña, París, Filharmónica Nantes ou a Filharmónica de Cannes en Francia, a Metropolitana de Lisboa ou a de Viana do Castelo en Portugal, a de Roma, a Sinfónica de Porcia, a de Emile Romagne en Italia, a de San José en Costa Rica, a Sinfónica de Santo Cristóbal, de Caracas en Venezuela, a de Pequín na China ou a Sinfónica de Kanazawa no Xapón.
Gravou varios discos, editados por todo o mundo, co selo discográfico Avex Classics, coa Siena Wind Tokio, coa Orquestra Sinfónica de Kanazawa (Xapón), con Bandas Sinfónicas varias, orquestras de cámara, piano, órgano barroco… así como co pianista Antonio Morant con quen forma o dúo Simant, co que gravou discos con artistas como Arturo Sandoval ou o violinista Ara Malikian, entre outros.



