Foi necesaria a xuntanza dos versos de curros Enríquez e a música de Castro “Chané” para que Galicia enteira cantara posteriormente cos Tamara de Pucho Boedo “Unha noite na eira do trigo”, cantiga que moito teño escoitado na voz marabillosa de miña nai (e outras moitas que en Galicia e fóra dela cantaron a un “ingrato galán” quen non foi máis ca “un probe e infeliz amador” polo que a súa amada,feita un puro lamento, “nas alas do vento”, repetía, “vou morrer e non ven o meu ben”.
Os chíos de gaivotas que sobrevoaban a praza, recurtando no gris das nubes o seu propio gris-chumbo, marcaban o contrapunto do que a Sinfónica de Galicia e o seu Coro interpretaban no escenario situado á esquerda da heroína que, coa lanza na man dereita, desafía aínda hoxe a unha negra historia de asaltos, roubos e mortes.
A deste sábado foi, na coruñesa praza de María Pita convertida nunha eira na que mallamos sentimentos, unha noite que xa no serán foi de orballo para, posteriormente ser noite de sospiros.
Ateigada de xente da cidade e moita outra vida de distintos lugares ao chamado do concello da Coruña para escoitarmos á Orquesta Sinfónica de Galicia, os primeiros aplausos recibiron -como é tradicional- ao concertino e, a continuación, ao director da magnífica orquestra, Roberto González-Monjas.
A sempre recoñecida Sinfonía número 9 de Beethoven, agardada con grande espectación polo numeroso público congregado, abriu algo máis o ceo choviñento
e algúns paraugas. Orballo e instrumentos acompañaron ao Freude, Freude, Freude schöner Götterfunken dos solistas vocais e a irrupción dun coro maxistral que xirou con forza absoluta para facer que os convocados á música comezaramos a sentir o valor máis que recoñecido dese luxo para Galicia e os galegos que é dispor dunha formación musical do calibre da Sinfónica coruñesa.
Unha noite inesquecible cuxa resonancia foi “in crescendo” coas pezas de agasallo: “Toreador”, de “Carmen”, de Bizet; esa ledicia feita para escoitar recollidos que é a “Negra sombra” -que inmensidade de pinceladas galegas!- e o “Rock do Deportivo”, que fixo que a información de que o equipo coruñés perdera minutos antes o seu partido, doese, pero menos.
Que luxo, donas e cabaleiros, correr o pano das tradicioinais Festas de María Pita cun concerto como o que o sábado ofreceron a Sinfónica da Coruña e o seu Coro.
Pura groria.



