O gaivotón consolida a súa presenza nas Illas Atlánticas

15 Agosto 2024

A Consellería de Medio Ambiente vén de emitir un informe positivo sobre a poboación de gaivotón (Larus marinus) no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que, segundo indica o departamento que dirixe Ángeles Vázquez, “está a consolidarse nos últimos anos chegando a duplicarse desde 2018”. Ademais a Consellería constata que na actualidade son xa catro as que viven neste espazo protexido.

O último censo anual (de 2023) certifica que na actualidade habitan dúas parellas na illa Vionta e outras dúas na illa de Sálvora (ambas pertencentes ao concello de Ribeira), cando cinco anos atrás había só unha en cada illa. O informe certifica que “estes exemplares tamén están dando bos resultados desde o punto de vista reprodutivo pois as dúas parellas de Sálvora lograron criar dous polos cada unha, mentres que unha das da illa Vionta conseguiu tres polos e a outra ningún”.

Exemplar de gaivotón nunha imaxe de Martin Olsson baixo licenza Creative Commons Attribution, publicada na Galipedia

Para a Consellería, estes datos son “especialmente importantes” se temos en contaque o gaivotón é unha das especies de aves mariñas que se incorporaron máis recentemente ao Parque Nacional. Os primeiros indicios de colonización observáronse en 2005 e a primeira nidificación confirmada produciuse en 2008 nos illotes de Sagres, en Sálvora.

De feito, os exemplares rexistrados neste espazo protexido forman parte dunha poboación reprodutora máis ampla na ría de Arousa que en 2022 se estimou en dez parellas. Ás catro contabilizadas no Parque Nacional engádense outras seis que se reparten entre a illa de Rúa, os illotes Guidoiro Pedregoso e Guidoiro Areoso e a localidade de Ribeira.

O gaivotón é unha ave mariña de grandes dimensións -pois conta cunha lonxitude duns 70 centímetros e unha envergadura de 165 centímetros- que se distingue por ter un manto negro, o corpo branco, as patas rosa pálido e un robusto peteiro.

O comportamento reprodutivo desta especie tamén é particular pois, a diferenza doutras gaivotas que forman grandes colonias, adoita criar en parellas illadas e a miúdo no medio doutras especies de gaivotas. De feito, no ámbito do Parque Nacional tenden a establecer os seus territorios xunto ás poboacións de gaivota patiamarela.

O seguimento do gaivotón no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia realízase mediante censos anuais da poboación reprodutora empregando como unidade para o seu rexistro o “territorio aparentemente ocupado”, espazos que se localizan durante visitas ás colonias de gaivotas e facendo controis para verificar o éxito reprodutivo deses exemplares.

A Consellería engade que “a consolidación desta especie neste espazo protexido proporciona información valiosa sobre a dinámica das poboacións de aves mariñas na contorna e os procesos de colonización de novos hábitats”. A súa presenza supón ademais “enriquecer a biodiversidade do Parque Nacional e ofrece oportunidades únicas para a investigación e a observación de aves na comunidade”.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...