
O Concello de Rianxo, e SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui), organizan unha nova edición da Andaina Solidaria en favor do Pobo Saharauí, que se encadra no programa Vacacións en Paz da dita organización (apoiado polo Concello) que busca mellorar a calidade de vida das persoas refuxiadas dos campamentos de Tindouf e poñendo o foco nas necesidades dos máis pequenos. A Andaina celebrarase este sábado 3 de agosto e, segundo sinalaron o Concello e a asociación, terá un perfil e unha distancia accesíbeis a calquera estado de forma física (trátase dunha andaina de carácter popular que se dirixe a acadar a máxima participación de veciñas, veciños, turistas e seareiros e seareiros do deporte ao aire libre).
Así, podemos escoller un dos dous percorridos propostos: andaina de 12km ou andaina de 5km.
A proba, que chega á súa terceira edición, organízase a beneficio de SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí), que desenvolve día a día un grande traballo de solidariedade coa causa do pobo saharauí, que vive en campamentos de refuxiados na zona máis dura do deserto do Sáhara, exiliado dende que foron afastados da súa terra trala marcha verde de Marrocos.
Entre as iniciativas que desenvolve SOGAPS destaca o programa Vacacións en Paz, que cada verán trae a nenos e nenas saharauís a pasar os meses de verán con familias galegas, escapando das altas temperaturas do deserto e garantindo revisións médicas e alimentación variada e saudábel.
Este verán 290 nenos/as saharauís están a pasar o verán en Galicia grazas a SOGAPS, 20 dos cales están no Barbanza.
O 100% do recadado nesta andaina solidaria destinarase ao programa Vacacións en Paz. Pódese colaborar participando na Andaina ou a través do Dorsal 0, facendo unha doazón polo importe desexado.
Temos toda a información sobre a actividade na web municipal rianxeira.
As inscricións poden facerse até o 1 de agosto en Emesports.
Informar tamén que as inscricións poden formalizarse no Servizo de Deportes do Concello de Rianxo ou de xeito presencial na praza Castelao ata 15 minutos antes do inicio da proba.
É obrigatorio inscribirse e retirar o dorsal para a andaina.
Prezo
•Gratuíto, de 0 a 3 anos
•5 €, de 4 a 17 anos
•8 €, maiores de 18 anos
Dorsal 0 (Solidario): Doazón da cantidade desexada (mínimo 3 €) a través da pasarela de pago ata o 1 de agosto de 2024 ás 23:59 h. Ou na praza de Castelao ata 15 minutos antes do inicio da proba. Non dá dereito a dorsal.



