A República Checa será a gran protagonista internacional do festival rianxeiro Titiriberia

26 Xullo 2024

O certame Titiriberia: Festival de Títeres Tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebrarase entre o 12 e 18 de agosto cunha gran protagonista internacional: a República Checa. Nesta novena edición, o festival trae a Rianxo a tradición histórica dos monicreques checos da man de dous grandes especialistas do país: Marie Jirásková e Pavel Jirásek.

A súa participación en Titiriberia, que incluirá un curso de formación, unha exposición, visitas guiadas, presentacións de libros e unha sesión audiovisual, foi unha realidade grazas á colaboración do Ministerio de Cultura da República Checa a través do Plan Nacional de Renovación e os Fondos Next Generation da Unión Europea, da Embaixada da República Checa en España, do Centro Checo en Madrid e da Facultade de Teatro da Academia de Artes Escénicas Leoš Janáček (JAMU), de Brno.

Marie Jirásková nunha imaxe de Michaela Suchá

Marie Jirásková (1964) é deseñadora de escenografía e vestiario, especialista en monicreques e artista plástica. Mestura o seu labor artístico coa docencia destas disciplinas, ademais de cultivar unha recoñecida traxectoria como especialista do monicreque checo.

Pola súa banda, Pavel Jirásek (1963) é músico, escritor, guionista e director de cinema. Combina o seu traballo creativo e de coleccionista coa docencia e traballos na Televisión Nacional Checa (Česká televize), onde realiza programas e documentais de carácter cultural.

Inscricións abertas

O curso impartido por ambos os dous especialistas checos celebrarase o martes 13 e o mércores 14 de agosto en horario de 10 a 14 horas no Auditorio de Rianxo. Baixo o título de Manipulación de títeres históricos da República Checa e de construción de teatros de papel, este obradoiro formativo mostrará polo miúdo tradición checa do teatro familiar, concibida como xogo doméstico para a cativada que implicaba o deseño de teatros de papel, escenografías e monicreques. Así, as persoas participantes coñecerán técnicas de creación destes teatriños, aprenderán técnicas de movemento e poderán manipular títeres históricos da colección da familia Jiráskovi. A inscrición está aberta a través de info@barrigaverde.eu até o 9 de agosto. Está destinada para persoas adultas (mínimo de 16 anos) que desexen achegarase a esta tradición titiriteira, sexan afeccionados ou profesionais.

Mostra e presentacións

O día 12 inaugurarase no Auditorio de Rianxo a exposición de Títeres históricos checos da Colección de Marie e Pavel Jiráskovi, que se poderá ver até o 18 de agosto. Os dous especialistas ofrecerán dúas visitas guiadas pola mostra nas tardes do luns e do martes ás 19.30h. Ese mesmo mércores, ás 17.30 horas, conducirán unha sesión audiovisual sobre a tradición dos monicreques centroeuropeos a través da análise de diferentes documentais e presentarán varios dos seus libros.

A presenza internacional do Festival de Titiriberia deste 2024 incluirá tamén a compañía Marionetas Rui Sousa. Esta formación portuguesa ofreceralle ao público de Rianxo o seu espectáculo Dom Roberto, personaxe equivalente na tradición lusa ao Barriga Verde galego. Ademais, dende fóra de Galicia, chegarán até Rianxo compañías de Murcia (Los Claveles), Andalucía (Títeres desde Abajo), Madrid (La Tartana) ou Euskadi (Ostomila Títeres).

Outros artigos

Noia legaliza o seu Punto Limpo

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”. A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.