“CASTELLUM HONESTI, ou Torres do Oeste, “chave e selo” das defensas da antiga Terra de Santiago”. Antonio González Millán

20 Xullo 2024

CASTELLUM HONESTI, ou Torres do Oeste, “chave e selo” das defensas da antiga Terra de Santiago e da principal das vías de acceso ao santuario e cidade de Santiago de Compostela. Fortificación altomedieval, na canle marítima e fluvial que xungue o río Ulla e a ría da Arousa.

Tempos dun poderoso Reino de Gallaecia onde reis e prelados como Sisnando II de Iria ou Xelmirez bisbo de Iria e primeiro arcebispo de Compostela sumaron empeños de defensa e, no caso de don Diego, crearon a primeira armada dos reinos cristianos na Península.

Nove foron as súas torres unidas por alta muralla, das que entre as ruinas, sobresaen dúas de construcción prerrománica, as máis próximas á rúa de navegación, e unha terceira que era denominada a torre de Lugo, a máis retranqueada na área da antiga xunqueira.

A carón das torres vedras conservase, con reformas, a capela consagrada ao Señor Sant-Yago de Galicia, onde foi localizada a praca votiva de pedra de grao onde se gravou a cruz de Santiago (que esa era antes do “lagarto” ou cruz espada e de cor vermella deseñada como distintivo da Orde de Santiago no século XVI). Prácticamente perdido o epígrafe do século IX, reinante Alfonso III “o magno” e Ximena, a súa muller, aquel texto reproduciría o igualmente presente na cruz de ouro e xemas que doaran á basílica – mausoleo do patrón Santiago no ano de 874, á súa vez, replica do estandarte que acompañaba no campo de batalla ao romano emperador Constantino: «HOC SIGNO TVETOR PIVS. HOC SIGNO VINCITVR INIMICVS» (Con este signo –o da cruz– deféndese ao piadoso. Con este signo vencese ao inimigo).

Daquela este CASTELLUM HONESTI foi forte defensa ante violencias como as incursións de saqueo e destrucción de vikingos, das razzias cíclicas de musulmáns e almohades etcétera. Sofriron gravemente durante a gran revolta dos Irmandiños de 1467-69. Logo, cos ataques nas poboacións da ría da Arousa protagonizados polos piratas berberiscos do Norte de África inda se pensou en reconstruir a fortaleza.

A imaxe do Apóstolo Santiago, presentado como un bispo compostelá da Idade Media é copia feita por Francisco Asorey da que existía na ponte do burgo en Pontevedra (exiliada no Museo Nacional de Arte de Catalunya). A placa coa cruz prerrománica conservase no Museo de Pontevedra. A cruz de ouro da derradeira fotografía é reproducción exacta da alfaia roubada do tesouro da catedral en maio de 1906, empresa na que participou este que escribe e materialmente o obradoiro de ourives artesás Iglesias, obra distinguida no ámbito profesional que hoxe se exhibe no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

De absolutamente indecente, afirmado sen medias tintas, é o estado miserable que ofrece a fronte das Torres do Oeste na banda de Rianxo. Igual serve de algo para despertar as conciencias do público e das autoridades dar como apunte que, segundo as crónicas desta fortaleza, desde unha a outra orilla da canle navegable os defensores da nosa Terra, xerifaltes pero tamén vasallos do Barbanza e do Salnés, extendían unha cadea ou maroma reforzada con través e con obstáculos para impedir o paso das naves inimigas río arriba… é dicir… que onde hoxe se permiten os recheos de escombro e acumular chatarra estragado unha senlleira paisaxe de natural e histórica… existiría parte daquel sistema defensivo. E así inda con todo semella intuirse na beira do río. Así tratan e consinten as autoridades deste país o que nos define como pobo-nación histórica: a posición que permite captar as mellores imaxes e vistas dun MONUMENTO NACIONAL de caracter histórico – artistico e BEN DE INTERESE CULTURAL DE GALICIA.

Vista das Torres desde o Concello de Rianxo

Así no itinerario da ruta xacobea do mar da Arousa e Ulla, conmemorativa da Traslatio, así no itinerario verídico do “camiño da ría del Padrón”, itinerario adulterado modernamente nesa ficción arbitraria dun suposto camiño “da orixe”.

Iste CASTELLUM HONESTI, posto en valor con tan significativo alcume nos Tumbos diplomáticos e Crónicas medievais, atribúese como o lugar de nacimento daquel vicerei de Galicia que conqueriu a sede metropolitana para maior gloria de Compostela, Diego Gelmirez, fillo de Gelimirio, capitán da fortaleza, De aí a querencia do máis grande dos señores que gobernaron a cidade e o señorío eclesiástico de Santiago polos distritos do Barbanza e Sar. Mesmo preto delas naceu o segundo prelado barbanzá, don Álvaro de Isorna, do que non fai moito identificábamos casa familiar como o seu sartego. Sobriño deste, e tamén de don Juan Mariño, Arcediano da Raiña e fundador de Vilaxoán da Arousa, foi outro dos coñecidos capitáns das Torres, o terceiro Martiño de Xunqueiras. Merecida laudatio a que mereceron tantas ruinas románticas e tantos nomes heroicos entre tebras de desleal olvido cando lles puxo voz a voz de todo un pobo: Rosalía de Castro.

As Torres desde o lado do Concello de Rianxo

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.