A Asociación de Empresarios de Ribeira, a través do seu presidente Francisco Martínez Gude e en representación dos seus asociados emitiu un comunicado sobre as protestas que está a impulsar o Goberno local acerca dos insuficientes medios cos que dota a Consellería de Sanidade a nosa comarca, e nomeadamente os centros de saúde do concello. No comunicado a patronal ofrécese a apoiar o Executivo nas súas reivindicacións pero esíxelle tamén que faga as xestións precisas para habilitar os terreos que require o novo Centro de Saúde de Santa Uxía.
A continuación reproducimos o comunicado:
“A nosa asociación desexa facer unhas puntualizacións sobre a noticia aparecida en varios medios da manifestación de protesta contra o SERGAS pola deficiente dotación de persoal e medios no Centro de Saúde da nosa cidade.
A referida concentración contou coa presenza, entre outras persoas do señor alcalde da nosa cidade e é por iso que desde estas liñas queremos dicirlle que loxicamente apoiamos a petición de que se dote ao noso Centro de Saúde de todos os medios necesarios para o desenvolvemento da súa actividade, tanto materiais como de persoal dos que nos consta existen importantes eivas, condicións que empeoran de xeito ostensíbel cando ben por vacacións ou baixas laborais do persoal, empeoran as prestacións dos distintos servizos.
Pero do mesmo xeito que afirmamos o anteriormente exposto, queremos facerlle ver e lembrar ao Goberno da nosa cidade na figura do señor alcalde, do ofrecemento publicamente manifestado e reiterado, de que provean ao SERGAS do necesario terreo para edificar ás súas expensas un novo Centro de Saúde. Na nosa opinión, de nada vale pedir increméntense os servizos e o persoal se non teñen sitio material para desenvolver o seu traballo coa mínima efectividade. E sinalamos que de nada vale esixir ao SERGAS que cumpran as súas obrigas cando nós non cumprimos as nosas. A día de hoxe, e ata onde nós sabemos, o terreo, nin está, nin se lle espera, e por iso pedimos ao Concello que se poña as pilas e busque o terreo, para que unha vez posto ao dispor do SERGAS e cun centro novo, dotado de todos os servizos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades en función da cidadanía, poidamos, logo si, con toda a forza do mundo esixir ao SERGAS. Teña a completa seguridade, señor alcalde, de que conta co noso total apoio, para estas e outras reivindicacións de perentoria necesidade, pero non se esquezan de facer os seus deberes”.



