ONyVÁ! Eventos vai celebrar a nova edición do seu mercado de artesanía nas Festas do Carme de Rianxo.

O domingo 14 de xullo, representantes da nosa artesanía e gastronomía máis creativa parten rumbo a terras rianxeiras onde estarán no Campiño (Alameda) de 11:00 a 20:00 con máis de 15 marcas que “destacan”, en palabras da produtora ONyVÁ!, “o talento artesá da nosa terra”. Esta é a primeira parada da viaxe que percorrerá outras zonas de Galicia durante a época estival, que os levará á Rilla na Rúa de Nigrán (25-28 de xullo), a Portosin (3-4 de agosto), e a San Vicente do Grove (17-18 de agosto).
Algunhas das marcas participantes nesta primeira parada son: Pampillo Store, Rilla Rilla, Paseloqpase, Sovoral, Con un poco de papel, CienPorCel, Salitre joyas, Moura, Maruxiña Voavoa, Quesos Feijoo S.L, Jerolas, Olad, Maraiva Sentir Natural, Sacrapastas e Artcoíris.
Queixos, galletas, mel, xoiería, roupa, complementos… son algúns dos produtos que poderemos atopar este vindeiro domingo no mercado de artesanía e marcas creativas de ONyVÁ!




