
Tanto falar, tanto falar e, coma sempre, para caer na mesma gabia!.
No mar e do mar, sempre se fala moito. Mais, ao remate, sempre é para concluír que o falar non ten cancelas.
Agora, este mesmo, luns, no Comité de Pesca da FAO, en Roma, a secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, salientaba o papel da ciencia e a innovación para desenvolver unha pesca e acuicultura máis sustentables, así como para contar con ferramentas que permitan afrontar os desafíos do cambio climático.
Isabel Artime participa no foro internacional que examina os desafíos e avances relacionados coa pesca e a acuicultura a nivel mundial no que España aposta pola excelencia na xestión pesqueira e na ordenación para recuperar poboacións e aumentar, deste xeito, as capturas do sector. Para iso debe consolidarse o papel da ciencia como principal aliado na xestión pública. Só así, dixo a secretaria xeral de Pesca española, poderán tomarse decisións sobre a base do coñecemento científico e velar polo equilibrio entre as variábeis ambientais, económicas e sociais.
A innovación, dixo Artime, vainos permitir utilizar “todas as ferramentas posíbeis para desenvolver artes de pesca cada vez máis sustentables e selectivas, así como para afrontar os desafíos do cambio climático”.
Ao longo destes días van ser analizados moitos dos desafíos que se presentan para os océanos e que van ser obxecto de discusión. Entre eles o xa citado cambio climático, que afectan á abundancia e distribución dos recursos pesqueiros, a contaminación (especialmente a ocasionada por plásticos) ou a pesca ilegal non declarada e non regulamentada. A este respecto, a secretaria xeral de Pesca pediu á comunidade internacional tolerancia cero fronte á pesca ilegal que supón unha gran lacra para os nosos océanos e unha competencia desleal para a gran maioría de pescadores que exercen a súa actividade cumprindo escrupulosamente coa lexislación vixente.
Compre supor que aqueles que asumen a responsabilidade de respectar a normativa vixente, terán un mínimo recoñecemento á mesma. Por exemplo as zonas vedadas para artes de fondo cuxa prohibición non está totalmente xustificada.



