O Servizo de Orientación Laboral da Asociación Amicos segue avanzando na prestación de apoio e orientación para as persoas en situación de vulnerabilidade. Asemade, incorpora por terceiro ano consecutivo un programa exclusivo para mulleres en situación de violencia de xénero. Na actualidade, a entidade boirense dá servizo a máis de 1300 persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade. Así, o seu servizo de orientación laboral facilitou que un total de 330 persoas atoparan emprego.

En canto ao programa dirixido especificamente para mulleres, o seu obxectivo principal é “acadar
a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das participantes, combinada coa concienciación e mediación co tecido industrial da comarca”.
Respecto ao devandito, Amicos logrou que
máis dunha trintena de mulleres en situación de violencia de xénero atoparan emprego nos últimos anos.
O programa inclúe formación especializada para o emprego, que combina co curso de Manipulador de alimentos. Este comeza este mércores, 10 de xullo, mediante o que a entidade formará a un total de dez mulleres.
Na actualidade, o programa desenvólvese con persoas inscritas nas oficinas de emprego de Boiro, Santiago Norte e Vilagarcía de Arousa; e estará activo ata finais de outubro.
Keltoi Cameán, coordinador de orientación laboral da Asociación Amicos, incide en que “cada ano tentamos outorgar unha mellor experiencia de usuario ás participantes para que sintan que grazas ao apoio laboral da entidade contribuímos á mellora da situación do colectivo”.
Por outra banda, Araceli Rial, orientadora da asociación, recalca que “dada a especialización do equipo de Emprego de Amicos na intermediación laboral, podemos adaptar cada caso á realidade do mercado para a procura dun emprego de calidade”.
Este programa é posíbel grazas ao financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade do Goberno de España.



