Este sábado 6 de xullo celebrouse a Degustación Azul de Portosín, un encontro de exaltación gastronómica, turística e cultural que incluíu unha manchea de actividades dirixidas a reivindicar a pesca artesanal e fomentar o seu crecemento.
Participaron, entre outras personalidades, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Antonio Basanta, o alcalde sonense Luis Oujo, o patrón maior da Confraría, Isaac Gaciño, o alcalde de Noia Santi Freire ou o senador Manuel Rivas.

O titular de Mar no Goberno galego destacou que “esta actividade é o motor principal de moitas poboacións pesqueiras que contribúen ao desenvolvemento económico e á xeración dunha cultura que favorece ao turismo e a dinamización do litoral galego”. Nesta liña, tamén enxalzou á Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín, xa que se constitúe como unha das bases máis importantes para as descargas en Galicia da frota do cerco.

Villares tamén fixo un recoñecemento ás mulleres mariñeiras que, co paso do tempo e con moito traballo, “foron adquirindo unha importancia socioeconómica decisiva no complexo mar-industria e que seguen mantendo viva unha profesión que realiza unha inconmensurábel contribución ao noso patrimonio cultural e mariñeiro”.




