O 17 de maio de 2025, as Letras Galegas serán as máis “populares” de toda a súa historia: co pulo da académica Ana Boullón, a Real Academia Galega porá en valor o que xa ten recoñecido o cancioneiro popular da nosa terra, de Galicia, con cantareiras como Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeiras, de Muxía; Prudencia e Asunción Garrido Ameijenda e Manuela Lema Villar, de Mens-Malpica, que souberon preservar a língua ao mesmo tempo que un dos aspectos máis étnicos do noso ser: o folclore.
Neste labor contribuiron decisívamente -como salientou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes- as mulleres, que foron pasándose de avoas a netas, de nais a fillas, as cantigas das que hoxe podemos gabarnos. Porque o rural galego, con fiadas e muiñadas, foi a escola de creadoras dun sistema de transmisión que trascendía do concepto de axuda mútua á xuntanza nas esfolladas e sementeiras para, no alboio ou ao pé da lareira e a artesa, recompilar algo tan substancial ao galego como é cantar e bailar.

Nos anos 70 coñecín ás pandereteiras de Mens (Malpica), daquela reducido o seu labor ao ámbito veciñal, como veciñal era Blanquiño de Coristanco coas regueifas, a quen entrevistei nunha ocasión para a radio sen decatarme de que canto me dicía o expresaba en verso.
Por aquí comezou a se abrir un vieiro que me levou a participar en numerosos festivais nos que a música tradicional galega era raíña e señora grazas, en moitos casos, aos bailadores e ás cantareiras e pandereteiras das que as mulleres da Sección Feminina recompilaran -nun labor non moi recoñecido, certamente- boa parte do que hoxe en día conforma o folclore (canto e baile) galego.
Unha das expresións musicais con raiceiras máis fondas e que, para min, son propios asimesmo de labores campesiños como é a arada, poden atoparse no “Souliko” ruso (a boca pechada case que todo o tema) ou os “Cantos de arada” de Lanzarote. Falo do alalá que, ao dicir de Emilio Pita, “é o cantar máis fermoso, elemental e primitivo de Galicia”, cuxo nome ven do estribillo que, invariablemente, leva: ai-la-la-la-i-ai-la-la-la”.
Nos primeiros tempos, o alalá non tiña letra. Apareceu posteriormente con letra en coplas octosilábicas.
O erudito luso Teófilo Braga, escribía no século XIX: “Na Galiza o estribillo do lalalá designa só por sí un xénero de cantigas”.
O lalalá sempre se cantou só. Sen ningún tipo de acompañamento musical. É un canto dilatado, de ritmo libre, de tesitura sempre máis aguda e cuxos matices dinámicos se reducen ao “fortissimo”. Pola súa liberdade rítmica ha transcribirse en notación non compaseada, como a empregada na liturxia. Un rasgo característico é o vibrato que o cantor acada comprimindo a meixela e o ouvido coa man.
Os alalás máis famosos son, en xeral, os das montañas da Capela e Pontedeume, os do Cebreiro, os de Avión, os dos Chaos de Amieiro e os de Deza.



