Do 23 ao 26 de xullo Rianxo celebrará unha nova edición da Festa da Xouba. Ademais de no propio produto este ano porase o foco na cultura mariñeira que acompaña á sardiña pequena. Tamén haberá vertente musical, como vén sendo habitual nas convocatorias previas da celebración. Será novamente unha xornada festiva e de posta en valor dun dos grandes produtos gastronómicos rianxeiros. A festa desenvolverase no rueiro da vila e máis no Campo de Arriba.
A festa vén da man do Concello e aConfraría de Pescadores Virxe do Carme, ao abeiro da marca Xouba de Rianxo, e conta co apoio da Consellería de Mar, tal e como lembrou os días pasados o conselleiro, Alfonso Villares, que cualificou a cita de “evento gastronómico de auténtica exaltación deste peixe que conta con selo de calidade propio Xouba de Rianxo- Pesca Artesanal- Arte do Xeito desde o ano pasado (…) unha cita que se consolida no calendario e que atrae a numeroso público, cumprindo este ano a súa vixésimo novena edición”.




