
A “Semana do Orgullo” ten este ano máis polémica polos desencontros políticos que polas mostras de rexeitamento dunha sociedade, a española, que aprende paseniñamente que heteros e homoxesuais podemos convivir como iguais, convencida de que non hai nada (ou moi pouco, sumamente pouco) que, en 2024 impida que un home se relacione con outro home como parella ou unha muller con outra coma tal.
A xuventude de hoxe en día coido que non da importancia ás teóricas diferencias entre unhas e outras parellas, máxime cando a ambas as bandas existen circunstancias, fundamentos, formulacións que unen máis que separan. Sen embargo unha certa minoría desa xuventude retoma o rexeitamento (minoritario, certo) herdado dos seus avós.
Os disturbios de Stonewall Inn, o bar do barrio de Greenwich Village (Nova Iorque) no que, na mencida do 28 de xuño de 1969 se producira unha redada policial para expulsar aos homosexuais, lesbianas e transexuais que se citaban nel, foi a mecha na que prendeu a chama da loita polos dereitos do colectivo LGTB (actualmente LGTBIQ+). Cansos de tanta persecución, os perseguidos optaron por se enfrontar aos policías en rebeldía declarada contra un sistema político que os discriminaba e fustrigaba.
Non foi o mesmo en España. E menos, aínda, en Galicia, onde tanto os gais coma as lesbianas -perseguidos igualmente pola policía franquista- eran reprimidos en plena rúa polo simple feito de se reuniren nun xardín (concretamente o de Méndez Núñez, na Coruña) mediante cargas que os que traballabamos na radio instalada no edificio da Terraza viamos e cualificabamos de “salvaxes” porque obrigaban aos reunidos no xardín a saltar o enreixado do porto onde, en ocasións, outros policías os agardaban coas porras dispostas para seren usadas contra deles.
Non deixa de ser ata certo punto contraditorio que agora sexan os postulados LGTBIQ+ os que na actualidade, após ter padecido o colectivo a persecución e violencia citadas, os que reclamen a non violencia, o respecto da diversidade sexual, a liberdade para decidir sobre o propio corpo, o dereito á identidade, a protección, o recoñecemento de todas as familias e o pleno acceso a todos os dereitos que aseguren a inclusión cidadá.
É a resposta á vergoña que se tentou facer sentir ás persoas só polo feito de seren
diferentes e entre as que teño bos e antigos amigos, do mesmo xeito que os teño entre os heteros.
É unha explicación acaída para poñer unha pouca de luz á celebración do “Orgullo” que, rematará, presumiblemente, cando eses dereitos se acaden.



