
É un non parar. E malia todo, compre esperar que o que o ICES propón non sexa aceptado porque sería o máis serio golpe, tal vez o definitivo, para un sector -o pesqueiro- que está a pasar por unha situación tan, tan crítica, que o día menos pensado vai estomballar como antes estomballaba no mar a dinamita utilizada para “pescar” máis e máis rompido.
De tolos, certamente.
Totalmente absurdo: ou o ICES (Consello Internacional para a Exploración do Mar) toleou, ou está fóra de lugar, nun organismo de control (?) da pesca perdido e sen saber que facer.
Imos ver: na súa recomendación de cotas para a anchoa e o xurelo da zona IX (augas portuguesas e Golfo de Cádiz) o ICES formula que a frota desde Fisterra ao citado Golfo de Cádiz, dispoña dunha cota máxima de anchoa de 8.480 toneladas fronte ás 18.354 toneladas propostas para este ano. Para a compoñente sur (IXa, Golfo de Cádiz, onde o sector cerqueiro galego se subministra para paliar a escaseza do xurelo concedido no caladoiro Cantábrico-Noroeste) aconsella o ICES que a cota non exceda as 969 toneladas (non lle chega a nada a un so barco e marea) cando en 2023 recomendou unha cota de 2.200 toneladas. O aviso é para o período que vai do 1 de xullo deste ano ao 30 de xuño de 2025. Estas recomendacións do ICES supoñen unha redución de máis dun 50% (entre o 54 e o 56%) en cada unha das especies sinaladas: anchoa e xurelo.
A biomasa estimada é de 33.919 toneladas no Oeste (IXb) e de 1.938 toneladas ao Sur, cando o ano pasado a biomasa calculada era de 73.414 toneladas no Oeste (IXb) e de 4-402 toneladas no Sur.
Para o xurelo o ICES aconsella que, en 2025, as capturas non superen as 59.266 toneladas opara situar a pesqueira en cifras de RMS, fronte ás 173.873 toneladas recomendadas para este exercicio. A discriminación é dun 66% debido, ao parecer, a unha revisión á baixa do tamaño estimado dos stocks. Rebaixas que van máis aló do 50% para a cota da anchoa e un 66% a de xurelo na zona IX.
Non podía dar o ICES cun sistema máis eficaz para acabar de vez coa pesca de baixura, particularmente copa do cerco.
Parabéns ao ICES. Se non fose tan duro, habería que botar unha sonora gargallada.



