Comezou a conta atrás do Galicia Rompe (evento de cultura e deporte urbanos de Porto do Son anteriormente coñecido como Rompetiño Jump), sen dúbida un dos grandes acontecementos do panorama xuvenil de citas estivais. A nova edición de Galicia Rompe celebrarase os días 5 e 6 de xullo e virá chea de sorpresas. Estas foron adiantadas este luns 24 de xuño na presentación do programa 2024, no que participaron, entre outros, os organizadores do evento (con Luis Pazos á cabeza), o alcalde Luis Oujo, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, ou o director da axencia autonómica AGADIC, Jacobo Sutil. Segundo fixeron saber “a música e os deportes urbanos serán os grandes protagonistas de Galicia Rompe”.
A cita foi no Centro de Interpretación do Castro de Baroña.

Tamén asistiron o representante de Marketing Local e Clientes de Mahou San Miguel, Txus Saez, a concelleira de Cultura, Ocio e Turismo, Alicia Martínez, e o concelleiro e o técnico de Deporte e Xuventude, Carlos Lorenzo e Luis Otero.
Na presentación o alcalde Luis Oujo sinalou que “O Rompetiño, que iniciou a súa andaina hai xa sete anos, xa é unha marca e un evento especial para nós”. Aproveitou para agradecer aos organizadores que sigan apostando polo municipio, e felicitounos polo seu gran traballo, xa que “a programación non ten nada que envexar á de festivais similares que se celebran en grandes cidades”.
O secretario xeral asegurou que a consolidación deste festival propicia que Galicia conte cunha “mocidade activa e saudábel e que, no futuro, poidamos renovar a lista de olímpicos galegos e galegas que cada ano medra en número e en éxitos”. Jacobo Sutil, pola súa banda, salientou a “excelente engrenaxe entre a faceta deportiva e a musical na programación do Rompetiño, así como a súa especial conexión coa xuventude e co territorio, contribuíndo deste xeito á diversidade e descentralización da oferta cultural galega”.

Quen organiza
O evento vén dan do equipo Rompetiño coa colaboración da Xunta, Fest Galicia, Abanca, a Deputación da Coruña, Xacobeo e, por suposto, o Concello de Porto do Son, entre outras empresa e institucións.
Música
Nesta edición pasarán polo escenario VibraMahou a trapeira franco-española La Zowi, o rapeiro madrileño Kaydy Cain, o rapeiro quinqui Jarfaiter ou tamén un dos grandes artistas emerxentes do panorama español: o murciano Kaze. Engádese á cabeza de cartel Al Safir (Diego Izquierdo), promesa rapeira da serra de Madrid e referente indiscutíbel do underground nacional. Tamén actuarán Denom, Dirty Suc, Selecta, Samuel SlZR, Moa, West Dubai, El Bugg, Kabasaki, Grecas, AmyGoala, Kike Varela, C Mirazo, Hecky, Bon Calso e Rita Lig. A maiores, no capítulo de sorpresas a organización anunciou un concerto gratuíto para o sábado 6 na fachada marítima a cargo da cantante galega Pili Pampin. A maiores da vertente musical, o evento contará cunha zona de exhibicións e unha zona deportiva.
650 euros en premios na BMX Cup
Galicia Rompe vai ser no mes de xullo a capital galega dos deportes urbanos. No seu programa inclúese a sétima edición do premio BMX Cup, o 6 de xullo. A competición, orientada ás categorías Sub14 e Open, inclúe catro premios en metálico cunha contía total de 650 euros: 300 euros para o primeiro clasificado, 200 para o segundo, 100 para o terceiro e 50 para o cuarto. Para quen non o saiba, a disciplina BMX (ou Bicycle Motocross en inglés), é unha vertente ciclista que se practica con bicicletas cross de 20 polgadas, máis pequenas e lixeiramente diferentes que as que se usan noutras modalidades, como pode ser o MTB (Mountain Bike), ou o ciclismo de estrada. A competición desenvolverase o 6 de xullo en horario de tarde: de 16.00 a 20.00 horas. Previamente realizaranse os adestramentos, en horario de mediodía: de 12.00 a 14.00 horas.
A maiores, haberá obradoiros deportivos para o público infantil de break, surf, bodyboard ou parkour, ao que se engade unha competición de skate (Skatecup), unha proba da Liga Galega de Break e máis unha competición de Basket 3×3 con máis de 20 equipos en categorías femininas e masculinas de todas as idades.



