
Sabiamos que nolo ían agradecer moi poucos pero nada nos importaba. Era algo que nos ditaba o corazón. Non podiamos quedar impasibles ante tanta inxustiza, nunha zona onde a apatía e o egocentrismo campa ás súas anchas. O que les importa á maioría das persoas do lugar é o seu propio benestar. Non son conscientes de que o benestar xeral é a mellor maneira de asegurar o futuro.
Nestes máis de catorce anos de arduo traballo, constante e altruísta, conseguimos máis que calquera administración pública. Presión, sensibilización, mobilización, diálogo, oposicións xudiciais, contactos e entrevistas en despachos oficiais e o máis importante, evitar que decenas e decenas de familias humildes perdesen a súa ben máis prezado: a vivenda habitual.
En moitas ocasións as horas do día non eran suficientes para pechar acordos con entidades financeiras, para suspender a toma de posesión de propiedades, para evitar as poxas públicas, para darlle un forte abrazo a unha familia destruída moralmente, para enfrontarnos ao gobernarte de quenda, ao funcionario que estaba tralo mostrador facendo gala do “volva vostede mañá”. Foi unha loita difícil, na que poucos apostaron e que agora todos parecen recoñecer que era xusta e necesaria.
Ao longo de todo este tempo coñecemos a moita xente comprometida, a moitos profesionais (avogados, economistas, psicólogos, empresarios…) envorcados coa xustiza social, a uns poucos políticos sensíbeis coa realidade social, a uns canto gobernantes que recoñecían a nosa necesaria presencia pero que sempre nos daban as costas, nos últimos momentos. Crían que tiñamos intereses políticos, iso é o que nos demostraron case sempre. O tempo puxo a cada un no seu sitio.
Algún gobernante defendía aos funcionarios, a calquera prezo, sen importarlles as críticas construtivas que lles faciamos chegar, para mellorar os servizos de atención ás familias e na xestión dos procedementos. Non querían saber nada cando lles suxeriamos que había outra maneira de gobernar e traballar. Incluso algúns funcionarios xudiciais, do departamento dos servizos sociais ou da Xunta de Galicia tomábannos como “inimigos públicos” cando o único que pretendiamos, con total humildade, era aliviar o seu traballo e conseguir que os gobernantes fosen conscientes dunha realidade que non se podía ocultar por máis tempo.
A pesar de todo, as familias de ambas as marxes da ría de Arousa e fóra dela, continúan acudindo aínda que en menor número, á Plataforma “Stop Deshaucios” cando se senten soas, desamparadas ou inxustamente tratadas polas administracións públicas. Nós seguiremos loitando, mentres a saúde nolo permita e a ilusión non nos abandone. Grazas a tod@s e, por desgraza, queda moito traballo.



