O Concello de Boiro vén de contratar a cinco axentes auxiliares para reforzar o cadro de persoal da Policía Local durante os meses de verán. Estas cinco persoas estarán contratadas a xornada completa durante catro meses co obxectivo de fortalecer o servizo durante os meses de maior actividade e afluencia de poboación.
As funcións a desenvolver serán as de apoio e auxilio aos membros do corpo da Policía Local no desenvolvemento ordinario das funcións tales como asistencia en caso de accidentes, regulación do tráfico ou colaboración en dispositivos especiais de seguridade.
A contratación deste persoal levouse a cabo mediante o convenio que o Concello de Boiro ten con Axencia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para o desenvolvemento de todos os procesos selectivos de prazas de Policía Local. Grazas a este convenio a administración autonómica asume a convocatoria de prazas vacantes facilitando os procesos e a cobertura de prazas.




