
Ademais das cifras oficiais, facilitadas polos propios institutos de estatística, de organismos internacionais así como de varias entidades sociais e ONG, o certo é que hai unha bolsa de “pobreza oculta” de persoas que senten “fracasadas”, nesta sociedade egocéntrica e con tanto trepa, que teñen “vergoña” de acudir en busca de axuda. Prefiren comer unha soa vez ao día, mesmo durmir nun caixeiro, á beira dun centro comercial ou nunha cabana abandonada de calquera monte, antes que pedir axuda.
Esta pobreza oculta fórmana moitas persoas que o tiveron todo: propiedades, bos soldos ou elevados ingresos, gozaban das súas vacacións retribuídas, ceaban todas as fins de semana nalgún bo restaurante. Agora, por culpa da burbulla inmobiliaria ou a tan desapiadada crise económica, financeira e de valores, quedaron co posto. Ficaron no camiño e non foron capaces de afrontar nin de interiorizar esa realidade. A maioría dos departamentos municipais dos servizos sociais teñen un traballo adicional ao tratar de aflorar esa bolsa de pobreza e que todas esas persoas poidan ser debidamente atendidas.
Desde a sociedade civil, non podemos seguir alleos a esa realidade e hai que comprometerse. Eduardo Galeano, comentaba que “moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo”. Pois, a que esperamos, cambiémolo e non permitamos que haxa nin un só ser humano en situación de vulnerabilidade e pobreza.



