A astrofísica boirense Isabel Rebollido participará no ciclo de conferencias da RAGC sobre a procura de vida alén da Terra

11 Xuño 2024

A astrofísica galega de Boiro Isabel Rebollido, arestora traballando no Centro Europeo de Astronomía Espacial (o ESAC, encargado das misións de astrofísica e da exploración do Sistema Solar da Axencia Espacial Europea, ESA) amais de formar parte da Comisión Mujer y Astronomía da Sociedad Española de Astronomía, participará no ciclo de conferencias co título Fronteiras, dende a orixe do universo ata a exploración espacial, que organiza a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña. As charlas prolongaranse até o vindeiro xoves, 13 de xuño, das 17 ás 20:30 horas, e tamén poden seguirse en directo a través da canle de Youtube da RAGC.

A xornada de mañá mércores 12 de xuño terá lugar no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Centrarase na procura de vida no universo e na posibilidade de vivir fóra do noso planeta. Asistirán o subdirector do CITIC, Javier Pereira; e as coordinadoras do ciclo: a catedrática de Astronomía e Astrofísica da Universidade da Coruña Minia Manteiga, académica e secretaria da RAGC; e a catedrática de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo Ana Ulla.

O investigador Benjamín Montesinos

A sesión comezará coa intervención de Benjamín Montesinos, investigador do Centro de Astrobiología do CSIC e presidente da Sociedad Española de Astronomía. Foi investigador no Departamento de Física da Universidade de Oxford, traballou no Departamento de Astronomía da Universidade de Rochester e dirixiu o Laboratorio de Astrofísica Espacial y Física Fundamental. Afondará nas características dos sistemas planetarios descubertos até agora e as súas perspectivas de futuro.

Indo á intervención da astrofísica boirense Isabel Rebollido, dicir que a súa investigación céntrase nos chamados discos de escombro, discos de po e lixo que orbitan arredor de estrelas con sistemas planetarios maduros e que conteñen información relevante sobre como é o seu sistema planetario e a súa potencial capacidade para albergar vida. Isabel, falará sobre o que nos depara o futuro en relación á procura de vida máis aló do Sistema Solar. “A orixe da vida na Terra e a súa busca máis aló do noso planeta son interrogantes que a humanidade leva tentando resolver desde os seus inicios. As preguntas que outrora foran filosóficas convértense agora en investigación científica tanxíbel, grazas aos recentes avances tecnolóxicos”. Indica que o proceso de formación é clave para investigar a habitabilidade, xa que “a evolución dende o estado de nube molecular até a distribución final está afectada por un gran número de parámetros e axentes externos como por exemplo a interacción con outras estrelas”.

Na xornada tamén intervirá Ester Lázaro, investigadora do Centro de Astrobiología do CSIC. No seu relatorio tratará as bases da vida fóra do noso planeta desde unha perspectiva astrobiolóxica. A científica afirma que unha posíbel definición de vida sería “un sistema transformador de enerxía en base a un substrato xenético que permite a súa evolución”. Pon de relevo que esta definición dá cabida á existencia de manifestacións da vida moi distintas á terrestre. “Atopar algunha delas sería un achado revolucionario, xa que nos permitiría identificar por fin cales son as propiedades esenciais da vida e entender o seu significado na evolución do universo”.

Finalmente, os asistentes poderán manter un debate cos expertos participantes no encontro. Pódese participar de balde en todas as conferencias deste ciclo, de xeito presencial ou en liña, previa inscrición no espazo habilitado.

Ester Lázaro, investigadora do Centro de Astrobiología do CSIC

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.