Un río é un curso natural e permanente de auga doce, que flúe polo seu leito, pola súa canle
de máis ou menos capacidade e que vai desembocar ao mar, a un lago ou a outro río. Otero
Pedrayo dicía que Galicia era a terra dos mil ríos, rica en auga, paisaxe, costumes e saberes
que os humildes labregos e campesiños sabían, como sabían que era conveniente coidar, os
ecosistemas fluviais, no marco da densa e interesante hidrografía nosa.
Xunto ao río estaba a vida, auga fresca, herba verde e todo verde. Verde de Galicia, como as
xestas verdes, como o verde dos prados regados coa auga limpa. Efectivamente, todos
queren (queremos) que a auga dos ríos non se luxe, para que sega dando vida ás plantas, ás
árbores, aos animais e a nós. As institucións, as asociacións e a cidadanía unen esforzos para
que a auga dos ríos non bote fóra, para que o río non reverta, aínda que medre.
O Miño é o máis longo dos ríos de Galicia, é “o pai” que dá vida nas provincias de Lugo,
Ourense e Pontevedra. Despois, en lonxitude, séguelle o Sil (228 Km.), o seu principal
afluente, e detrás outros, todos eles de enorme importancia, cargados de vida e de alento,
como o rianxeiro río Té, un dos máis cortos e cunha fauna variada e diversa, peixes,
mamíferos, aves, anfibios e réptiles en perfecta harmonía, dando leccións de convivencia.
Xunto aos ríos, ou como parte deles, están as fervenzas e os regatos que recordaba Rosalía,
con tristura e ledicia ao mesmo tempo, “….adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos
pequenos….”. Ao recordar isto, vén á memoria a marabillosa guía das fervenzas da Coruña,
que deixou Ramón Muñiz de las Cuevas e que se achega, paso a paso, a aqueles puntos de
difícil acceso, agarimados pola auga, o leito do río e a natureza toda. Alí, onde a sombra
verde da vexetación florecente traga ao sol tranquilamente, raio a raio.
Pero a propia natureza e a man do home, segundo Vicenç Acuña, director do Instituto
Catalán de Investigacións da Auga, “as árbores son un sumidoiro de CO₂, a súa madeira
retén o carbono durante séculos”, e tamén están as follas, que se descompoñen nos ríos e o
carbono vai á atmosfera, acelerando o cambio climático.
Entre todos, científicos, ecoloxistas, docentes, empresarios, homes, mulleres e nenos
podemos, debemos valorar, estudar e entender que o coidado dos ríos é tarefa
indispensable para un desenvolvemento social e económico sostible. Quizais sexa
importante prestar atención á educación para agrandar o compromiso das xeracións
vindeiras coa xente, coa vida e co medio ambiente.
Todo o que se faga para non ensuciar o circuíto da auga, na casa e fóra dela, na escola, na
universidade e nos centros de investigación é moi positivo. O seu valor non se aprecia “ata
que seca o pozo”, como dia a Tía Manuela, “cando xa é tarde”.
“As pensións non se tocan, ouviu?. E se o fan, que sexa para incrementar o seu importe” – Antón Luaces
O "corpus" dos pensionjstas españois está conformado por 10 millóns de beneficiarios con pensións dun promedio xeral de 1.374,57 euros e unha media de 1.576,10 euros ao mes tendo en conta en ambos os casos o total a percibir anualmente, incluídas as pagas...



