Este domingo 2 de xuño celébrase en Portosín unha nova actividade de dinamización e impulso comercial activada pola AEP (Asociación de Empresarios de Portosín) en colaboración co Concello de Porto do Son. Trátase da xornada de comercios abertos IT DAY Portosín, que arrinca pola mañá (ás 11.00 horas) e estenderase até as 20.00 horas. Se be o principal atractivo do evento son os descontos que achegan a veciños e visitantes os establecementos locais, tamén se porá o foco na rapazada. Así, o programa de actividades inclúe xogos populares para nenas e nenos na Casa da Cultura, a partir das 17.00 horas. Ademais, haberá regalos por compras superiores a 20 euros nos comercios participantes da campaña (até o remate das existencias).




