O concelleiro de Deportes de Ribeira, Xabier Vidal presentou xuntos aos técnicos municipais, Javier Sampedro e Fran Romay, o programa das Escolas Deportivas locais para este verán 2024, unha iniciativa que ten como propósito “ocupar o tempo de lecer con diferentes actividades estes meses estivais”. Segundo explicou o concelleiro, este ano haberá 9 actividades; baloncesto, iniciación ao ciclismo, nada e corre, pádel, patinaxe, psicomotrocidade, tenis, volei-praia e xadrez.

Habilitaranse unhas 320 prazas en total, dirixidas a idades de entre 3 e 19 anos. “Como novidade deste ano, e co propósito de promover o deporte náutico en Ribeira, tamén incluímos as actividades de iniciación á vela, surf, windsurf, pádel surf e caiac.” informou Vidal.
O prazo de inscrición estará aberto dende o 10 de xuño ao 14 de xuño a través do rexistro xeral do Concello, de xeito presencial na OAC ou ben co certificado dixital de maneira telemática, adxuntando o modelo de solicitude.
Posteriormente, publicaranse unhas listas provisionais, e no caso no que haxa máis xente anotada que prazas “realizarase un sorteo público no salón de plenos naquelas actividades nas que fose necesario” explicou Javier Sampedro. “O 24 de xuño publicaremos as listaxes definitivas, e antes do comezo das clases teremos unha semana para que se poida efectuar o pago, que se realizará de xeito telemático, a través da pasarela electrónica do Concello”.



