
Este mes de maio comezou a súa actividade Liga Xunta Galicia Break, cuarta edición, primeiro en Lalín (o 25 de maio) e agora en Noia (este sábado 1 de xuño), para pasar logo a Pontedeume (29 de xuño) e a Porto do Son (6 de xullo).
Respecto da actividade en Noia, será na Sociedade Liceo en varias quendas: ao mediodía (de 12:30h a 13:30h) cun obradoiro aberto ao público; pola tarde (ás 16:00 co cheking de participantes e ás 17:00 horas co comezo do espectáculo, que vén con tres categorías: iniciación, intermedia e avanzada). Máis información e inscricións ligaxuntabreak.org
Para quen non o saiba, a Liga Xunta de Galicia de Break é un programa de competición composto por un circuíto de eventos espallados por toda a xeografía galega. A finalidade da organización da Liga é a de “difundir a práctica do break en Galicia e establecer as bases e o escenario óptimo para o desenvolvemento desta disciplina na nosa comunidade en resposta ao interese xeral e a unha crecente demanda”.
Dende a organización lembran ademais que o breaking debutará como deporte olímpico nos Xogos de París 2024.
O break é un tipo de danza orixinaria dos Estados Unidos da década dos anos 70, caracterizada por ter un alto compoñente acrobático. Ao longo dos anos convértese nun medio de expresión artística de carácter cultural e deportivo de repercusión mundial, con millóns de practicantes.




